O Hospital de Ourense xa deriva pacientes Covid-19 a Vigo

Vista do Hospital de Ourense (Imaxe: Xunta da Galiza).
A Covid-19 bate con forza en Ourense. Alén do fechamento deste concello e de Barbadás, vén de provocar que o Sergas comece a derivar pacientes hospitalizados na cidade ao Cunqueiro de Vigo.

O Hospital Universitario de Ourense nota os efectos da incidencia da Covid-19 na comarca. De feito, o Sergas decidiu trasladar onte o primeiro paciente afectado con coronavirus ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

A Xerencia de Ourense informa de que a derivación tivo lugar en "aplicación do Plan de continxencia fronte a pandemia de Sars-CoV-2 que se vén de activar na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras ante a evolución epidemiolóxica (Nivel 3)".

O doente derivado a Vigo fora atendido na quinta feira no servizo das Urxencias do centro hospitalario ourensán. Afirma a Xerencia da área sanitaria que o obxectivo do traslado é "anticiparse á necesidade de camas de UCI". Optimízase así, informa, "a capacidade asistencial do conxunto da rede hospitalaria do Sergas".

É a primeira vez que transcende unha derivación dun usuario da sanidade pública con Covid dun hospital a outro desde o inicio da pandemia.

Unha "bomba vírica"

O traslado do paciente ten lugar cando a taxa de incidencia acumulada tanto a tres, como a sete, e sobre todo, a 14 días, no concello de Ourense, supera os 400 casos por 100.000 habitantes, segundo as informacións da Consellaría de Sanidade.

Na rolda de prensa da mañá da quinta feira na que a Xunta da Galiza deu conta das medidas de confinamento para Ourense e Barbadás, que presenta unha incidencia moi similar á da cidade das burgas, o xefe do servizo de Oncoloxía do Hospital Lucus Augusti e membro do comité clínico de seguimento da Covid-19, Sergio Vázquez, advertía que "comprobamos que se estaba dando un incremento da presión asistencial".

O propio Vázquez puña de manifesto na comparecencia pública que as restricións adoptadas até o fechamento de Ourense e Barbadás "non estaban conseguindo controlar a expansión do virus". O Sars-CoV-2 propagábase, dixo, como se dunha "bomba vírica se tratase".

Outro dos membros do comité, José Manuel 'Tato' Vázquez Lima, xefe do servizo de urxencias do Hospital do Salnés, afirmou ante os medios, a respecto das limitacións, que "isto non é un xogo de picaresca, de como escapar das medidas de restrición. É unha partida contra a morte".

A decisión de fechar Ourense e Barbadás tivo o seu precedente, na Galiza, na comarca da Mariña durante o verán, se ben a incidencia da Covid-19 era nese momento menor.