O Hospital da Mariña queda sen especialistas en Uroloxía, denuncia a CIG

[Imaxe: Elisardojm] Hospital da Costa, en Burela

Afirma que “na práctica” supón a “paralización e suspensión de todas as consultas, revisións e operacións cirúrxicas”.

 

CIG Saúde A Mariña denuncia que o Hospital da Costa, en Burela, na Mariña, fica sen especialistas en uroloxía durante a segunda quincena de xullo e a segunda quincena de xullo, “o que na práctica supón a paralización e suspensión de todas as consultas, revisións e operacións cirúrxicas”.

“Así o reflicte unha circular emitida pola dirección do Hospital da Mariña, onde ademais indica que para calquera consulta hai que poñerse en contacto telefonicamente co Hospital Lucus Augusti”, explican desde o sindicato.

Dende a central nacionalista lembran que o 30 de agosto de 2017 José Manuel Balseiro, explicou que a reforma da Lei de Saúde e a supresión da Área Sanitaria da Mariña permitiría seguir ampliando a oferta de recursos cunha atención máis próxima, “algo que no día a día vemos que é unha mentira máis do Partido Popular”, sinala.

“Gustaríanos saber onde andan agochados nestes momentos os señores Balseiro, Almuiña e Feijóo para que nos relaten cales son os máis e mellores servizos que ían implantar, onde está a blindaxe do hospital ou cales son os numerosos profesionais que ían vir para Burela”, pregúntanse.

Do mesmo xeito, CIG Saúde A Mariña, esixen tamén á Directora do Distrito Sanitario da Mariña, María José Cortés Canay, que exerza as súas competencias e que empregue os recursos necesarios “para garantir unha atención urolóxica de proximidade, e de non ser capaz de defender a atención sanitaria da veciñanza da Mariña que presente a súa dimisión”.

Por todo o anterior tamén animan a todos os usuarios e usuarias e presentar reclamacións oficiais a través do servizo de Atención ao Paciente.