O Hospital Cunqueiro de Vigo amplía a área destinada ás persoas doentes de coronavirus

Vista do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (Foto: Sergas).
Trátase da 'vela' 2B do hospital, con 46 camas, unha zona que xa fora empregada con esta finalidade no seu día, pero clausurada en abril ante a baixada da incidencia e o descenso no número de hospitalizadas.

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo conta desde hoxe cunha nova área destinada a albergar pacientes contaxiados por Covid-19.

Trátase da 'vela' 2B do hospital, con 46 camas, que foi habilitada para enfermos de coronavirus á primeira hora da tarde deste mércores, segundo confirmaron fontes sanitarias, e que se suma á vela 3D, que xa estaba a ser utilizada, con outras 44 camas.

Esta zona do hospital xa foi empregada no seu día para enfermos de Covi-19, pero clausurouse en abril pasado ante a baixada da incidencia e o descenso no número de hospitalizados.

Con todo, a "situación complicada" da evolución da pandemia na área sanitaria de Vigo (con 3.135 casos activos e 79 persoas ingresadas) levou aos responsables sanitarios a reabrir a 'vela' 2B do centro vigués.

Fontes sanitarias admitiron que a actividade do hospital "terá que adaptarse" ás necesidades asistenciais

Deste xeito, o Álvaro Cunqueiro conta agora mesmo con 90 camas de hospitalización convencional para casos Covid, e 15 postos na Unidade de Coidados Intensivos. Así mesmo, segue reservada a 'vela' 3C, con 24 camas para "casos sospeitosos".

Fontes sanitarias apuntaron que, en todo caso, o hospital conta con máis camas de 'críticos', xa que existen postos adicionais tanto en UCI como na unidade de Reanimación. Ademais, admitiron que a actividade do hospital "terá que adaptarse" ás necesidades asistenciais.

Segundo os datos feitos públicos hoxe pola Consellería de Sanidade, dos 79 pacientes Covid ingresados na área de Vigo, 48 están no hospital Álvaro Cunqueiro (12 na UCI e 36 en 'planta'). Así mesmo, hai 22 persoas en 'planta' e 3 en UCI do Hospital Povisa; e outras 5 en 'planta' e unha en UCI do Hospital Vithas Vigo.