Os hospitais do Sergas recuperan as visitas o 3 de xuño

Hospital Abente e Lago na Coruña (Nós Diario).

Os centros hospitalarios do Servizo Galego de Saúde inician a terceira etapa do plan de reactivación asistencial e volven ofrecer toda a carteira de servizos

A normalidade volve pouco a pouco aos hospitais galegos. A partir desta cuarta feira, 3 de xuño, os centros do Servizo Galego de Saúde (Sergas) recuperarán a súa carteira de servizos completa e volverán autorizar as visitas a pacientes que non estean ingresados pola COVID-19, ao entrar na fase 3 do plan de reactivación asistencial. 

Este cambio de fase tamén inclúe medidas específicas para a Fundación Pública Urxencias Sanitarias da Galiza-061, que recupera a actividade normal na rede de trasporte sanitario urxente, así como as ambulancias específicas de traslado de pacientes COVID-19 que se recuperar "para a actividade normal". 

Circuítos diferenciados

A progresiva volta á normalidade non evitará que as pacientes de COVID-19 teñan que seguir un protocolo diferenciado. Así, nas urxencias, os hospitais manterán o circuíto diferenciado para estas pacientes. 

Ademais, vanse reorganizar os recursos humanos “en función do grado de ocupación do circuíto de illamento” e se manterán as áreas específicas en plantas de hospitalización e espazos diferenciados e separados en unidades de coidados críticos para a atención de pacientes COVID-19.

Consultas externas e cirurxía

No que atinxe ás consultas externas, na etapa 3 do plan vaise citar ás pacientes “en función da prioridade clínica e o tempo de espera ou data idónea”. Puntualiza que a xestión de citas manterase “como en etapas anteriores” vía telefónica para minimizar desprazamentos aos centros hospitalarios. 

En canto á cirurxía, iniciaranse ás intervencións cirúrxicas das prioridades 3, tanto as que requiren hospitalización como as de cirurxía maior ambulatoria "seguindo a orde de inclusión nas listas de espera".