Os hospitais do Sergas pecharán este verán polo menos 665 camas

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. (Foto: Y. C. M.)

A pesar de que esta xa tradicional denominación si se emprega nalgún documento do ámbito hospitalario, tanto a Xunta como as xerencias rexeitan falar de 'camas pechadas' e prefiren referirse a estes plans como "reorganización asistencial".

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) avanza nos seus plans de verán co que comunmente se denomina 'peche de camas', aínda que desde as sete áreas sanitarias e a Xunta rexeitan falar nestes termos -que si se empregan, no entanto, nalgún documento Interno- e o xustifican en motivos "organizativos" ante as vacacións do persoal e a previsible diminución da demanda asistencial.

Pecharanse, polo menos, unhas 665 camas nos hospitais públicos. Non todas as xerencias ofrecen datos concretos, pero si porcentaxes que se sitúan entre o 15% das áreas da Coruña-Cee e Lugo-A Mariña-Monforte, e o 0% da de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, onde un ano máis está previsto que todas sigan habilitadas.

Ademais, cabe destacar a diferenza entre os complexos hospitalarios máis grandes e algúns comarcais, posto que, por exemplo, os de Ribeira e Cee terán dispoñíbeis todas as prazas, dado o seu modesto tamaño, xa de seu. Tamén é o caso dos de Verín e O Barco de Valdeorras, pero porque en todo a área de Ourense non se adoptará esta medida.

No distrito coruñés, o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) pechará camas este verán de maneira graduada ao longo do período estival. Por exemplo, segundo o plan trasladado pola xerencia aos sindicatos, en Medicina Interna do Hospital Abente e Lago haberá 25 prazas inhabilitadas entre xullo e setembro, mentres que a Unidade de Queimados do complexo estará pechada só en agosto.

Entre estes e varios servizos, o Chuac contará nalgún momento do verán con 163 camas pechadas, o que supón o 15% da total da área sanitaria e xa tendo en conta que no comarcal de Cee estarán todas dispoñibles.

O xerente da área coruñesa, Luís Verde, fíxase en que "máis do 85% do total" das camas estarán operativas, aínda que "se así o require a demanda asistencial" a dispoñibilidade de prazas de ingreso será do 100%, igual que defende o Sergas para o conxunto da Galiza.

 

 

Vigo e Pontevedra

En canto a Vigo, os seus hospitais operarán ao 88% ao prever o peche de aproximadamente o 12%, similar a outros anos. Segundo cifras sindicais -a xerencia ofrece só a porcentaxe-, implicará que a cidade olívica contará cunhas 135 camas menos no verán.

A área sanitaria viguesa tamén insiste en que conta cun plan de continxencia para activar "de modo inmediato" o 100% da ocupación "en caso de necesidade". Á parte da menor demanda e as vacacións, a xerencia sostén que o verán é a época "máis adecuada" para realizar obras, reformas e actuacións de mantemento.

En Vigo, de acordo coas organizacións, a folla de ruta do verán xa comezou o 1 de xuño co peche de 35 camas no Álvaro Cunqueiro e outras 30 en Medicina Interna do Meixoeiro, e proseguirá con máis a partir de xullo que totalizarán esas 135 previstas até setembro. A estas hai que sumar as 150 camas das plantas xa clausuradas no Meixoeiro que os sindicatos levan tempo denunciando.

Na área de Pontevedra-O Salnés, o único dato oficial polo momento é o peche do 11% das camas de hospitalización. Se se traduce a cifras absolutas, estaría en algo máis dun centenar de unidades, parecido a outros anos.

Con todo, fontes sindicais deste distrito quéixanse de que aínda non contan coa información precisa sobre cantas prazas clausuraranse e censuran que, aínda que "antes das eleccións" de maio se lles asegurara que non pecharían salas completas, isto si que ocorreu cunha do Hospital Provincial. Por iso, están "pendentes de obter unha explicación". 

 

 

Área de Santiago

No que respecta á área de Santiago-Barbanza, o peche de camas só afecta á capital galega e non ao hospital de Ribeira, onde fontes sindicais sinalan que nin é "posible" nin "viábel". E non o ven como algo "en positivo", senón que o achacan á "falta de recursos" estrutural deste centro.

No caso concreto do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), a xerencia confirma que o 9% das prazas non estarán operativas no verán, o que supón un total de 99 camas, cifra similar ao ano pasado.

Este plan impactará unicamente en dous hospitais a partir do 16 de xullo: 81 camas no Provincial e 18 berces da Unidade de Lactantes do Clínico. Nin o Gil Casares nin o Psiquiátrico de Conxo se verán afectados por esta reordenación de recursos.

 

 

Área de Lugo 

Na área de Lugo-A Mariña-Monforte, o seu tres hospitais funcionarán cun total de 132 camas pechadas, o 15% do total, unha vez realizado unha "análise pormenorizada" da ocupación rexistrada en veráns anteriores, de acordo coas cifras que confirma a propia Xerencia. De feito, a dirección xustifica esta adaptación con que, na conxunto da área, a ocupación media do verán pasado foi dun 67% en xullo, un 63% en agosto e un 67% en setembro.

No Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) da capital provincial, pecharanse dúas unidades que reúnen 68 camas en total -34 entre o 1 de xullo e até o 30 setembro, e outras 34 do 16 de xullo e o 15 de setembro.

No hospital comarcal de Burela, permanecerán inhabilitadas 38 prazas do servizo de Medicina Interna durante xullo, agosto e setembro. A comezos de xuño, a CIG-Saúde emitiu un comunicado no que avanzaba esta cifra e lamentaba a "política sanitaria de recortes" do PP á fronte da Xunta. Así mesmo, o sindicato culpa da falta de profesionais á propia dirección do hospital e advirte de que a poboación en zonas de costa como A Mariña chega a "duplicarse" en período estival.

A estas hai que engadir outras 28 camas inoperativas no comarcal de Monforte, tamén en Medicina Interna a partir do 1 de xullo. Con todo, representantes dos traballadores explicanque "os problemas" neste centro están máis relacionados cun déficit de persoal.

 

 

Ferrol e Ourense

En Ferrol, a Xerencia confirma o peche -xa materializado a pasada fin de semana- de 36 camas de Medicina Interna do Hospital Naval, que son o 8,4% da total da área sanitaria.

Mentres, fontes sindicais denuncian que 14 enfermeiras e outras 14 auxiliares deste servizo se derivan a outras áreas sanitarias, polo que reclaman formar a máis profesionais para que isto non ocorra.

Fronte ao seis restantes, na área de Ourense a Xerencia xa avanza que "se manterá o 100% das camas operativas, como nos últimos veráns". Isto será tanto no complexo hospitalario da capital (CHUO) como nos comarcais de Verín e O Barco de Valdeorras. 

 

 

"As camas non se pechan"

A pesar de que esta xa tradicional denominación si se emprega nalgún documento do ámbito hospitalario, tanto a Xunta como as xerencias rexeitan falar de 'camas pechadas' e prefiren referirse a estes plans como "reorganización asistencial".

Precisamente, esta semana, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, insistía en que no verán "as camas e as plantas non se pechan", senón que se "adaptan" á demanda e ás vacacións do persoal e todas elas estarían dispoñíbeis "en calquera momento" para adecuarse ás necesidades sanitarias.

Así, explicaba en que as cifras se obteñen a partir do "histórico" de cada servizo, que permite "saber con moita precisión" que a demanda baixa tanto en estancias hospitalarias como en consultas. En ocasións, sinalaba, a actividade pode descender "por baixo do 50%".