Tres horas de agarda no centro de Saúde de Viveiro para comunicarlles que non terían asistencia por falta de persoal

Viveiro multiplica a súa poboación no verán mais o persoal do centro de saúde da vila mariñá está baixo mínimos,  coas consecuencias que diso se deriva e que nestas semanas veñen denunciando sindicatos, plataformas en defensa da sanidade pública e tamén organizacións políticas, como o BNG de Viveiro.

 

“Actualmente na quenda de mañá do Centro de Saúde de Viveiro (formada por 7 efectivos) un  médico xubilouse e outra médica tivo un nomeamento político e o Sergas non os substitúe agás de xeito esporádico e aleatorio”, explican dende a fronte nacionalista.

 

Así, indica, dos tres médicos que pasan consulta na quenda de tarde no Centro de Saúde só un traballou a pasada cuarta feira.   “As persoas xa estaban citadas xa que o Sergas comprometerase a cubrir un segundo médico, mais chegaron as seis da tarde e foilles comunicado que tiñan que marchar para as súas casas xa que finalmente non ían mandar ningún substituto, quedando sen asistencia sanitaria”, afirman.

 

Dende o BNG de Viveiro lembran tamén que durante as vacacións do odontólogo (ausencia non cuberta) á veciñanza de Viveiro foi derivada ao Centro de Saúde de Burela.

 

As protestas polas retalladas estanse a facer sentir este verán nos centros de saúde e nos puntos de atención continuada (PAC) de toda Galiza. A morte dun paciente que non recibiu atención no PAC da Estrada confirmou, unha vez máis, as terríbeis consecuencias da austeridade e os recortes na sanidade.