Factura enerxética

60% dos fogares galegos pagan de máis pola electricidade

Unha mala escolla de mercado e de tarifa eléctrica condena as galegas a pagar de máis a final de mes.
Máis da metade dos fogares galegos pagan a luz en exceso. O desleixo das compañías e dos organismos encargados de velar polos dereitos das consumidoras tamén afecta as beneficiarias do bono social eléctrico.

“O mercado eléctrico é un sen sentido", asegura Andrés Breixo, experto en tarificación eléctrica dedicado durante moitos anos á formación e ao asesoramento de usuarias, profesionais e Administracións públicas. Como especialista denuncia os grandes "intereses económicos" das compañías, que lastran o proveito das usuarias e limitan o seu acceso a unha información rigorosa que podería redundar nun aforro medio de até 60% anual no caso de moitos fogares da Galiza.

"O interese por facer negocio das empresas eléctricas fai que todo o sistema dirixa as consumidoras cara ao mercado libre", asegura. Abriuse hai unha década sen ningunha publicidade e xa agora acapara 60% dos fogares galegos con dereito a elixir mercado e tarifa. Andrés Breixo denuncia unha opacidade xeral e interesada do mercado regulado, "que sempre vai ser máis barato que o mercado libre", recalca, "por moita oferta que nos fagan as comercializadoras, desesperadas por atraer clientes".

E explica por que. No mercado libre han de pagar equipos de venda, comerciais, marketing e publicidade, ademais do traballo propio de facturación e atención ao cliente. "As marxes multiplícanse e por iso, non hai ningún informe da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) que valide que as ofertas do mercado libre melloren as condicións do regulado", sinala.

A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.