Correr e choutar si, bici e patinente non: así poderán saír as menores de 14 anos

Poderán dar "paseos curtos" e "na contorna do fogar", segundo o Ministerio de Dereitos Sociais.

O secretario de Estado de Dereitos Sociais, Nacho Álvarez, explicou que os menores de 14 anos poderán saír a dar "paseos curtos" e "na contorna do fogar". Poderán correr e choutar mais non montar en bicis nin monopatíns, segundo engadiron a Europa Press fontes deste departamento.

Álvarez defendeu que o ministro de Sanidade, Salvador Illa, "concretou" esta terza feira pola tarde a medida anunciada após o Consello de Ministros porque é un Goberno "que escoita" e "reacciona" ante a "demanda" da sociedade.

Nun primeiro momento anunciouse que os menores podían ir só ao supermercado, á farmacia ou ao banco, acompañando a un adulto, e despois rectificouse para dicir que se lles permitiría saír a dar un paseo a partir deste domingo.

"É a posibilidade de algo que creo que todos estabamos a desexar, necesitando e constatando, unha vez que se comproba epidemiológicamente que se pode facer, que saian a realizar paseos curtos, con prudencia, na contorna do fogar", asegurou Nacho Álvarez esta cuarta feira en declaracións ás Sexta recollidas por Europa Press.

Álvarez puntualizou que estas medidas son parte dun plan que xa viñan traballando a dirección de infancia do Ministerio de Dereitos Sociais co Ministerio de Sanidade, no que se contemplaba a saída dos menores a dar paseos curtos. 

Estas medidas aplicaranse desde o mesmo domingo 26 de abril. Illa tamén pediu prudencia e esperar a coñecer o contido do plan ata que se publique a orde que ditará o seu departamento, que fixou no vindeiro sábado 25 de abril.

Segundo un documento sobre o que traballa o Executivo aínda sometido a debate, adiantado pola Sexta, os nenos e nenas poderían saír desde as 9.00 até as 21.00 horas a dar un paseo diario de non máis dunha hora e na contorna próxima á súa vivenda, sen afastarse máis aló dun quilómetro.

Cada adulto podería acompañar até a tres menores nese paseo, no que se podería correr, choutar e facer exercicio tendo en conta sempre as medidas e recomendacións de distanciamento social, así como a prohibición de acceso a parques, zonas infantís e demais instalacións que favorezan o contaxio por coronavirus.