Homofobia e racismo lideran os delitos de odio rexistrados en Galiza, que acumulan 166 vítimas en tres anos

40% dos delitos de odio realízanse pola orientación ou identidade sexual da vítima e 17% pola súa condición de inmigrantes ou cor de pel. 

En apenas catro anos houbo rexistrados en Galiza 253 delitos de odio, sendo a homofobia e o racismo das principais motivacións que existen nos mesmos. Segundo datos do Ministerio do Interior, entre 2013 e 2016 –último ano do que se publicaron rexistros- houbo constancia oficial en Galiza de 101 delitos de odio motivados pola orientación ou identidade sexual da vítima (39%). Nese mesmo período rexistráronse 43 delitos de odio por racismo e xenofobia, o que supón 17% deses 253.

 

Aliás, en tres anos (2014, 2015 e 2016) houbo no noso país 166 vítimas de delitos de odio. En 2014 foron 66, o ano despois 52 e en 2016 ese número era de 48. Destas 48 rexistradas en 2016, 11 por mor da súa orientación sexual e 18 por racismo e xenofobia.

 

Un de cada tres delitos de odio rexistrados en Galiza durante 2016 tiña unha motivación racista ou xenófoba. Foron 21 dun total de 60. A discriminación pola procedencia ou raza da vítima pasou ser en 2016 a principal causa destes ataques. En 2015 era o odio por ideoloxía e en 2014 e 2013, a principal motivación nos delitos de odio foi a discriminación por orientación ou identidade sexual.

 

En 2015 rexistráronse 64 delitos de odio, cifra lixeiramente superior á de 2014 (foran 62), mentres que en 2013 rexistráranse 67. En total, nestes catro anos o Ministerio do Interior ten constancia de que se produciron en Galiza algo máis de 250 delitos de odio, o que deixa unha media dun destes delitos cada seis días.