Carme Fouces, impulsora da campaña #PrimAcoso

"Os homes non viran acosadores de maiores"

[Imaxe: Mónica Patxot, Pontevedraviva] Carme Fouces, concelleira de Igualdade de Pontevedra

Nunca 140 caracteres deran para abrir tantas reflexións a respeito do machismo. A campaña #PrimAcoso aínda fai ferver as redes sociais. Falamos coa súa impulsora, a concelleira de Igualdade de Pontevedra, Carme Fouces (BNG). Deixamos aquí un extracto da entrevista, que podes ler completa no Sermos Galiza 224, xa á venda na loxa online e nos quiosques.

As redes sociais seguen a ferver co cancelo #PrimAcoso. Como naceu unha iniciativa en que as mulleres dan conta do primeiro acoso que lembran?

Fundamentalmente, xurdiu dun proceso de reflexión, de ver como podiamos poñer enriba da mesa esa realidade oculta en que despois se edifican os titulares. Todos os casos que saen cara a fóra son mediáticos e sensibilizan, e son cuestións “puntuais”, case extremas. Pero toda a parte de abaixo, todo iso ten unha parte vital: moitos anos de patriarcado. Os homes non se transforman de maiores en acosadores, veñen facendo este tipo de accións máis ou menos consentidas ou graves ao longo de toda a vida. Moitos dos homes que tiveron a opción de estaren en contacto con nenas nalgún momento fixeron algún acto que teñen a ver con esa humillación ás mulleres, como acurralar unha nena, burlarse de algo físico, levantar a saia... pero claro, por sorte, pasados os anos, unha inmensa maioría dos homes abandona ese camiño e reflexiona. Aínda así, a maioría deles non son quen de chegar ao fondo, e é que naquel momento eles tamén eran vítimas do sistema do patriarcado. Por todo isto, sacamos adiante esta visión e falamos en profundidade das verdadeiras raíces do que despois se desenvolve nun titular de prensa e nunha noticia impactante.

Impactante está a ser a acollida da campaña nas redes sociais.

Tiñamos certas dúbidas a respeito da acollida. Dúbidas sobre a valentía da xente, porque non deixa de ser esta unha sociedade que nos ten aleccionadas para ocultarmos estas cousas e para nos avergoñar arredor de todo este tipo de acosos, cando a vergoña é que acontezan. Non sabiamos até que punto habería un número importante de persoas a rebuscar e a atopar ese momento que aconteceu con aquel veciño, cun amigo do pai ou do irmán... Un momento que era algo raro e que recoñecemos cando somos maiores. Chegar a ese punto e botalo fóra podemesmo implicar un problema persoal e por iso non sabiamos como ía afectar.