Saúde

Por que os homes envellecen máis rápido? Un estudo debulla as causas

O tabaquismo sería un dos principais condicionantes do envellecemento. (Foto: Nós Diario)
Unha investigación dunha universidade finlandesa explica as diferenzas na esperanza de vida de homes e mulleres.

Un estudo da Universidade de Jyväskylä (Finlandia) vén de descubrir que os homes son bioloxicamente "máis vellos" que as mulleres. A diferenza de sexo observada explícase, en parte, polo feito de que os homes fuman con máis frecuencia e teñen un maior tamaño corporal.

Nos países occidentais, a esperanza de vida aumentou rapidamente no século XX, mais as mulleres aínda teñen unha esperanza de vida maior que os homes. En Finlandia, onde se centrou a investigación, as mulleres viven de media cinco anos máis que os homes. A diferenza entre sexos foi maior nos anos 70, cando a esperanza de vida ao nacer era case dez anos maior para as mulleres que para os homes. Con todo, nas últimas décadas, esta diferenza reduciuse gradualmente.

A diferenza entre sexos tamén se observa no envellecemento biolóxico, como revela este estudo, publicado na revista científica The Journals of Gerontology. Estas diferenzas investigáronse en persoas adultas novas e maiores, utilizando varios reloxos epixenéticos para medir o envellecemento biolóxico.

Estes 'reloxos' permiten estudar os factores relacionados coa vida durante a vida dun individuo, ao proporcionar unha estimación da idade biolóxica en anos utilizando os niveis de metilación do ADN determinados partindo dunha mostra de sangue. "Descubrimos que os homes son bioloxicamente máis vellos que as mulleres da mesma idade cronolóxica, e a diferenza é considerabelmente maior nos participantes de máis idade", afirma Anna Kankaanpää, investigadora de doutoramento do Centro de Investigación en Xerontoloxía e a Facultade de Ciencias do Deporte e a Saúde.

O feito de que os homes fosen máis fumadores explicaba a diferenza de sexo no envellecemento dos xemelgos de máis idade, mais non nos adultos novos. Aliás, o maior tamaño corporal dos homes explicaba unha pequena parte da diferenza de sexo en ambos os grupos de idade. "Observamos unha diferenza de sexo no ritmo de envellecemento, que non se explicaba por factores relacionados co estilo de vida", di Kankaanpää.

No estudo tamén compararon o ritmo de envellecemento entre parellas de xemelgos de distinto sexo, e observaron unha diferenza similar entre estas parellas de xemelgos. O irmán home era aproximadamente un ano bioloxicamente maior que a súa xemelga feminina. Estas parellas medraron na mesma contorna e comparten a metade dos seus xenes.

"A diferenza pode explicarse, por exemplo, polas diferenzas de sexo nos factores xenéticos e os efectos beneficiosos da hormona sexual feminina, o estróxeno, sobre a saúde", continúa Kankaanpää. Os resultados axudan a comprender os comportamentos do estilo de vida e as diferenzas de sexo relacionadas co envellecemento biolóxico e a esperanza de vida.

Asemade, suxiren que o descenso do tabaquismo entre os homes explica en parte por que se reduciu a diferenza entre sexos na esperanza de vida nas últimas décadas. A investigación decorreu en colaboración coa Universidade de Jyväskylä e a Universidade de Helsinqui. Os suxeitos eran xemelgos adultos novos (21-42 anos) e maiores (50-76 anos) da Cohorte de Xemelgos Finlandeses. Os factores relacionados co estilo de vida, como a educación, o índice de masa corporal, o tabaquismo, o consumo de alcol e a actividade física, medíronse mediante cuestionarios.