As homenaxes a Moncho Reboiras salientan a vixencia da loita por unha Galiza soberana

Diversos actos comemoraron este domingo a lembranza e vixencia do militante nacionalista, asasnado hai 43 anos en Ferrol.

O 12 de agosto de 1975, Moncho Reboiras ('Licho', 'Rianxo', 'Pepe', entre outros alcumes) caía abatido a tiros pola policía nun portal da Rúa da Terra de Ferrol cando tentaba cubrir a fuxida de dous compañeiros de militancia. Un asasinato que abreu a billa a unha nova vaga de represión contra o nacionalismo (detencións, torturas, exilios...) para alén de deixar o movemento 'nacional-popular' que estaba a agromar sen unha das súas figuras chave.

 

43 anos despois daquilo, este mozo de Imo (Dodro), asasinado con apenas 25 anos de idade, volveu estar presente en Imo, Ferrol ou o barrio vigués de Teis. Tres dos lugares onde decorreron esta fin de semana actos de lembranza e homenaxe a quen se sitúa como un exemplo de compromiso absoluto para co seu pobo e a loita pola súa liberación.

 

O sábado, FPG e Xeira organizaron un acto en Teis, o barrio obreiro de Vigo onde pasou Moncho Reboiras boa parte da súa vida. O domingo, pola mañá os actos decorreron no cemiterio de Imo onde descansan os restos de Reboiras. Até alí -por separado- acudiron Movemento Galego ao Socialismo, Agora Galiza e a UPG, o partido do que Moncho Reboiras facía parte.

 

Xa pola tarde, Maniños (Fene) primeiro e despois Ferrol foron os epicentros dos actos organizados pola Unión do Pobo Galego. Uns actos que tiveron o seu punto central na ofrenda floral no portal onde foi acribillado a tiros por por axentes da Brigada Político-Social e, posteriormente, no Cantón, onde decorreu o acto político no que intervirán Iván Ribas, portavoz do BNG en Ferrol, Susana Méndez, sindicalista e membro do Comité Central da UPG, e Néstor Rego, secretario xeral da UPG.

 

Destacouse como o compromiso de Moncho Reboiras co seu pobo plasmouse na aposta firme pola autoorganización, no traballo e confianza no seu país para se dotar de ferramentas propias – no político, no sindical, no social...- como a vía precisa para lograr unha Galiza soberana e socialista. Unha soberanía, incidiuse, que tanto entón como agora é imprescindíbel para a propia supervivencia do país e para sentar as bases en favor da maioría social.

 

"O modelo actual non serve para dar resposta aos problemas económicos, culturais ou lingüísticos de Galiza e hai que seguir traballando para mudar isto, para ter un estado propio, non se trata só de lembrar unha figura senón o que de presente e futuro ten Moncho Reboiras".