Homenaxes a Moncho Reboiras no 42 aniversario do seu asasinato

Moncho Reboiras

Organizacións políticas e sindicais convocan actos este sábado, 12 de agosto, en lembranza do militante nacionalista asasinado en 1975 en Ferrol

Cando se fan 42 anos do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia, Moncho, partidos e organizacións políticas convocan diversos actos de homenaxe e lembranza ao militante asasinado pola policía franquista o 12 de agosto de 1975 en Ferrol.

 

A Unión do Povo Galego (UPG) comeza a xornada no cemiterio de Imo (Dodro) ás 12:00 horas cunha ofrenda floral. Posteriormente organiza un xantar popular en Fene. Na sobremesa terá lugar o debate ‘Construíndo a soberanía de hoxe’.

 

Xa pola tarde a UPG convoca en Ferrol a tradicional ofrenda no portal da Rúa da Terra no que foi abatido a balazos por axentes da Brigada Político-Social Moncho Reboiras. Iván Rivas, portavoz do BNG en Ferrol, realizará unha intervención. Posteriormente terá lugar un acto político no Cantón no que intervirán Sandra Permui, portavoz do BNG en Fene, Adrián R. Bravo, secretario xeral da UMG, e Néstor Rego, secretario xeral da UPG.

 

Tamén o Movemento Galego ao Socialismo (MGS) organiza un acto de homenaxe a Reboiras ás 13 horas no cemiterio de Imo (Dodro) no que intervirán Xoán Bautista Mariño, concelleiro do BNG de Dodro que participou de cativo no enterro de Moncho Reboiras hai 42 anos, nunha parroquia tomada pola Guardia Civil; Elia lago, Mesa Nacional de MGS e Isca!; Ramón Oubina, da CIG. Tamén contarán coa actuación do cantautor Roberto Sobrado.

 

Ao remate terá lugar un xantar popular nunha carballeira para posteriormente realizar unha visita guiada aos petróglifos de Bouza Abadín.

 

Tamén no cemiterio de Imo, e ás 17:00 horas, terá lugar o “acto independentista de homenaxe” a Moncho Reboiras convocado por Causa Galiza. Agora Galiza está tamén en Imo mais pola mañá, ás 11:30 horas.

 

FPG e Xeira realizan un acto na Praza do Toural de Teis, Vigo, ás 12:00 horas. Neste barrio obreiro de Vigo pasou Moncho Reboiras boa parte da súa vida.