Homenaxes reivindican o legado de Moncho Reboiras no 45º aniversario do seu asasinato

Acto da UPG en Ferrol.
A Unión do Povo Galego, o Movemento Galego ao Socialismo ou Agora Galiza lembraron a traxectoria de Moncho Reboiras. Ferrol, cidade na que foi asasinado, acolleu a estrea en sala do filme que recolle a súa vida, dirixido por Alberte Mera.

A homenaxe e actos de lembranza a Xosé Ramón Reboiras Noia, do que se fixeron 45 anos do seu asasinato na xornada desta cuarta feira, foi tamén unha ocasión na que o nacionalismo celebrou os seus resultados nas urnas o 12 de xullo e trazou unha ruta dos meses por chegar. Coa crise sanitaria e económica en fronte, diversas organizacións políticas louvaron a herdanza e o traballo que Reboiras deixou tras de si, os seus anos de loita e militancia, e botaron a vista cara ao futuro.

A Unión do Pobo Galego, na que o propio Reboiras foi militante, artellou diversos actos nesta efeméride. Arrancou coa estrea do filme Reboiras. Acción e Corazón, no que o director Alberte Mera repasa a vida e obra do dirixente da UPG. E fíxoo na propia cidade na que foi asasinado, Ferrol.

A continuación, no Cantón de Molíns, Néstor Rego, secretario xeral da UPG e deputado no Congreso. Rego destacou a "firmeza política e ideolóxica que marcou a militancia de Moncho Reboiras", que mantivo o partido e o nacionalismo "nos momentos difíciles e sobre os mesmos principios".

Rego valorou o impulso actual do nacionalismo na Galiza a nivel sindical e político e chamou a continuar traballando por "unha Galiza dona dos seus recursos", "cunha lingua normalizada", "democrática". "Esa é a nosa proposta e témolo claro, fronte á monarquía española corrupta, nós República Galega". 

O deputado no Congreso e secretario xeral da UPG sinalou que "é necesario avanzar con propostas que, sendo tácticas, posibiliten un debate social sobre a necesidade de mudar o marco para termos capacidade real de decisión sobre os nosos asuntos. No mínimo, permitirán forzar as costuras do rexime de 78 e evidenciar os seus límites. E temos claro que non hai mellor pedagoxía política soberanista do que esa".

Movemento Galego ao Socialismo

En Dodro, o Movemento Galego ao socialismo organizou a súa homenaxe. Pola organización tomou a palabra Noa Presas, deputada no Parlamento galego. Presas alertou dos cambios que produciu o coronavirus na sociedade e da chegada dunha nova crise do capitalismo que pode derivar nunha maior precarización das condicións da clase traballadora.

Xunto a ela, tomaron a palabra Xoán Bautista, concelleiro do BNG en Dodro); Pilar Casás, da Mesa Nacional de Isca!) e Anxo Noceda, da Executiva Confederal da CIG. Tamén en Dodro, no cemiterio de San Xoán de Laíño, Agora Galiza lembrou a Moncho Reboiras nun acto.