Homenaxe reivindicativa nas residencias de DomusVi de Barreiro e Aldán

Persoas portan un número por cada falecido nas residencias de Domus Vi en Barreiro e Aldán (Nós Diario)
Decenas de persoas se concentraron este domingo ante as residencias de DomusVi en Barreiro (Vigo) e Aldán (Cangas) para homenaxear ás 270 persoas maiores e dependentes que perderon a vida nestes centros desde marzo.

Un acto simbólico no que cada familiar portaba un número que facía alusión ás persoas que perderon a vida pola Covid-19 serviu este domingo para homenaxear ás 270 persoas maiores e dependentes falecidas na xestión da pandemia nas residencias dende marzo. A concentración, convocada polas asociacións de familiares dos xeriátricos de DomusVi en Vigo (ASFAREBA) e en Cangas (Vellez Digna), co respaldo da federación galega de familiares REDE e da asociación de familiares da residencia pública de Bembrive (Vigo), levouse a cabo diante do xeriátrico de DomusVi en Barreiro, no concello de Vigo.

Xunto a este acto, decenas de familiares realizaron unha andaina pola contorna do centro e volveron pedir explicacións e transparencia sobre o acontecido nas residencias durante a pandemia. Tamén aproveitaron para exixir ao Parlamento galego a creación dunha comisión de investigación das residencias, como xa fixeran esta semana organizacións de familiares e os partidos da oposición.

As organizacións convocantes da concentración tamén a situaron como sinal de atención sobre a desazón que rodea nestes momentos ás familias das persoas maiores que están ingresadas nas residencias galegas, "ante o grave perigo que de novo rodea a estos centros pola nula corrección de erros que se observa nos xeriátricos para evitar que a pandemia se propague de novo; volvemos sobre o punto fatídico, que non é outro que a sistemática falla de persoal e incluso de elementos de protección", subliñou Paulino Campos, presidente de REDE.

"Desazón que inclúe ó incremento de medidas de restrición nas visitas dos familiares, con vulneracións reiteradas de nomativas, cando non se produce o feche irregular das instalacións, quedando as familias, e as usuarias, desamparadas, espidas de dereitos, nuns actos que están máis preto do secostro de persoas, do confinamento forzado en búnkeres, que de medidas proporcionadas a realidades epidemiolóxicas, sobre todo cando empresas e administración non fixeron os deberes, que é, básicamente, garantir un número apropiado de persoal, formado e informado, nas residencias, fundamental para a contención do coronavirus. Neste sentido, estamos nunha situación peor que na previa da pandemia de marzo, estamos nas portas doutra hecatombe", denuncia.

Tanto familiares como traballadoras continuarán con actos reivindicativos ó longo do mes de setembro: o 3 diante da sede central de DomusVi en Vigo; o 6, 13 e 20 no Morrazo; o 11 na praza maior de Celanova; o 25 nas rúas de Vigo, e o 26 na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela.