Un home tenta asasinar a súa parella en Ourense e despois precipítase por unha fiestra

Rúa Cibeles de Ourense, onde se produciu o intento de feminicidio. (Foto: Google Maps)
Tanto o presunto agresor como a vítima permanecen ingresados nun centro hospitalario.

Un home tentou matar a súa parella esta segunda feira e despois precipitouse por unha fiestra da súa vivenda nun edificio do barrio ourensán de Covadonga para tratar de fuxir da policía, cando estaba a piques de ser detido.

Así o confirmaron fontes coñecedoras do caso citadas pola axencia Europa Press, que trasladaron tamén que ambos os dous, o presunto agresor e a vítima, permanecen ingresados nun centro hospitalario da cidade nestes momentos.

Os feitos sucederon nun edificio situado na rúa Cibeles. Foi un veciño quen alertou á Policía de que escoitara berros no interior deste piso. Cando os axentes chegaron ao domicilio, o presunto agresor tratou de fuxir e saltou pola fiestra.