Un home que conducía en sentido contrario pola AP-9 e baixo os efectos do alcol choca contra outro vehículo

Autoestrada AP-9 ao seu paso por Chapela, en Redondela (Foto: Arxina).
O condutor é investigado como suposto autor de dous delitos contra a seguridade viaria: condución baixo os efectos do alcol e condución temeraria.

Un home que conducía en sentido contrario pola autoestrada AP-9 provocou un accidente nas últimas horas, segundo informou o 112 da Galiza, e foi interceptado pola Garda Civil, que o investiga como suposto autor de dous delitos contra a seguridade viaria: condución baixo os efectos do alcol e condución temeraria.

O sinistro rexistrouse a última hora da quinta feira, no punto quilométrico 160, á altura da parroquia viguesa de Bembrive. O condutor, que se meteu en sentido contrario na autovía, chocou contra outro vehículo, cuxa condutora foi trasladada a Povisa, segundo informou o 061.

O 112 alertou, ademais de a Urxencias Sanitarias, aos bombeiros de Vigo e á Garda Civil. Precisamente, axentes deste corpo identificaron o condutor que provocou o accidente e realizáronlle o test de alcoholemia, con resultado positivo.

Accidente en Riotorto

Un condutor resultou ferido no municipio de Riotorto, na comarca de Meira, despois de sufrir unha saída de vía co seu vehículo, que terminou envorcado sobre a estrada. O sinistro tivo lugar na tarde da quinta feira na estrada N-640, que une Barres (Castropol, Asturias) e Vilagarcía de Arousa (O Salnés), segundo informaron os servizos de emerxencia.

O coche, no que só viaxaba o condutor, saíuse da estrada para terminar envorcado despois de impactar contra un noiro. O piloto logrou saír polos seus propios medios do habitáculo a pesar de que nun primeiro momento resultou atrapado.

Incidencias polo temporal

O 112 da Galiza activou 15 incidencias por neve nas primeiras horas desta sexta feira, cando a súa sala de operacións recibiu numerosas chamadas de condutores e condutoras que se viron atrapadas ou con dificultades para circular por estradas do interior do país.

As mesmas fontes matizaron que, polo momento non hai constancia de accidentes graves con danos persoais ou materiais, mais "os condutores si insisten nas dificultades para circular ou mesmo a imposibilidade de avanzar", o que tamén está provocando atascos.