O mozo ingresado en Vigo cun disparo foi atacado en Tui, onde acudiu a comprar droga cun amigo

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde foi ingresado o mozo tiroteado. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)

A Policía xa identificou e interrogou a persoa que o deixou ás portas do hospital.

O mozo de 25 anos de idade, que ingresou no hospital Álvaro Cunqueiro na madrugada do pasado sábado cun disparo no abdome, foi atacado cando acudiu cun amigo para comprar droga a Tui (Baixo Miño), segundo explicaron a Europa Press fontes coñecedoras da investigación.

O mozo, que ten antecentes por tráfico de drogas (cónstalle unha detención en 2018), acudiu esa noite a Tui en coche cun amigo para comprar droga. Na transacción "algo saíu mal" segundo os investigadores, que barallan un posíbel axuste de contas, e que tratan de esclarecer o sucedido tras falar con varias testemuñas, que non se mostraron colaboradores e que aseguran descoñecer as circunstancias do suceso.

O ferido foi trasladado ao hospital Meixoeiro de Vigo nun coche gris e deixado alí. Desde ese centro sanitario, nunha ambulancia medicalizada, o mozo foi evacuado ao hospital Álvaro Cunqueiro, onde foi intervido cirúrxicamente dunha ferida por arma de fogo, con orificios de entrada e saída.

O mozo, ao ser preguntado pola ferida, non quixo desvelar os detalles de que lle pasaba e, tras a operación, permanece sedado e ingresado no hospital vigués. A Policía xa identificou e entrevistouse coa persoa que o deixou no Meixoeiro e coa súa irmá, a quen logo lle entregou o coche.

Con todo, as súas manifestacións non serviron para lanzar luz polo momento acerca do ocorrido ou sobre o autor do disparo. Así mesmo, o coche no que foi trasladado o ferido tamén está xa ao dispor dos investigadores.