Día contra a violencia machista

"Un home crúzase cunha muller pola rúa. Que sucede agora?": a resposta do Colectivo Feminista de Pontevedra á Xunta

Cartaces difundidos polo Colectivo Feminista de Pontevedra.
A campaña difundida polo Goberno galego no marco do 25-N provocou fortes críticas desde diferentes sectores da sociedade.

"Non debería pasar, pero pasa". O lema empregado pola Xunta da Galiza para a campaña de sensibilización do 25 de novembro, Día internacional contra a violencia machista, sacudiu as redes sociais nas últimas horas, ao entender miles de persoas usuarias que a mensaxe transmitida "está a culpabilizar" as mulleres.

"Viste coas mallas de deporte. Vai correr pola noite. Que sucede agora? Non debería pasar, pero pasa", reza un dos cartaces difundidos polo Goberno galego. "Unha discoteca. Unha copa desatendida. Que sucede agora? Non debería pasar, pero pasa", sostén outro.

Agora o Colectivo Feminista de Pontevedra vén de publicar unha serie de creatividades de cara ao 25-N a modo de resposta a esta polémica campaña do Goberno galego nas que dá a volta ao sentido desas mensaxes e pon o foco nos agresores.

"Un home sae da casa. Crúzase cunha muller pola rúa. Que sucede agora? Non debería pasar, pero pasa", expón un dos cartaces difundidos por este colectivo, mentres un segundo di: "Uns homes de festa nunha discoteca. Que sucede agora? Non debería pasar, pero pasa".

Ondada de críticas á Xunta

A plataforma Xornalistas Galegas remitiu unha queixa á secretaría xeral de Igualdade para amosar a súa preocupación e solicitar a retirada da campaña que "pon o foco na vítima, na vida que fai e en como viste".

O BNG e o PSdeG, a través das deputadas Olalla Rodil e Noa Díaz, tamén censuraron a campaña que "responsabiliza e culpabiliza" as mulleres da violencia que sofren, mentres que a secretaria de Estado de Igualdade, Ángela Rodríguez 'Pam', cualificou a iniciativa de "inaceptábel" e salientou que a agresión "é o único comportamento a sinalar e cambiar".

A preguntas das xornalistas tras o Consello da Xunta, o presidente Alfonso Rueda deu a campaña por "rematada" por chegar o 25-N, data sobre a que xira o citado lema. Sobre a polémica das últimas horas, "é curioso que saia xusto agora" e que as máis das críticas "veñan do Goberno estatal", dixo, nun momento en que "con toda a razón" está a ser cuestionado pola lei do "só si é si". Sobre o obxecto da campaña, defendeu que non responsabiliza as mulleres senón que atende a "situacións cotiás nas que se sofre machismo".