Un home asasina a súa muller e posteriormente suicídase en Valga

Unha concentración da Marcha Mundial das Mulleres en repulsa a un asasinato machista

Asasinato machista na Galiza. Un home de 46 anos matou a súa muller en Valga e posteriormente suicidouse.

Un home de 46 anos asasinou a súa parella, de 43 anos, na parroquia de Setecoros, no concello de Valga. Despois de matala, suicidouse, informa Europa Press.

 

O asasinato tivo lugar na mañá deste domingo e saíu á luz pública despois de que a parella coa que quedaran para xantar descubrise os corpos sen vida no fogar familiar. 

 

A Garda Civil investiga os feitos como un caso de violencia de xénero. Infórmase de que o home, J.B.F, posuía licenza de armas para a caza e contaba con dúas armas, unha das cales sería empregada para asasinar a muller e para se suicidar.

 

A segunda galega asasinada en 2019

 

M.A. é a segunda galega vítima de feminicidio en só tres días, após o asasinato dunha muller natural de Galiza en Madrid, cidade en que vivía. Nese caso, as forzas policiais tamén informaron de que o home, de 81 anos, mataría a muller, de 63, e que despois se quitaría a vida.

 

Prevese a convocatoria de concentracións de repulsa  por parte do movemento feminista galego na próxima terza feira.

 

Aumentan as denuncias

 

Os xulgados galegos recibiron no terceiro trimestre de 2018 un total de 1.784 denuncias por violencia de xénero, o que supón un incremento de 12,3 % a respecto do mesmo período do ano anterior (1.589). A falta de recursos e de formación no ámbito da xustiza dificultan a loita contra a violencia de xénero.

 

Galiza só posúe dous xulgados especializados, un en Vigo e outra na Coruña, que atenden unha poboación de case 700.000 persoas e que acaparan a metade das denuncias do país. A outra metade corresponde a áreas onde viven dous millóns de habitantes. A fenda é obvia.

 

A falta de medios materiais é a principal eiva coa que lida o tratamento xudicial da violencia machista. Implica a mencionada escaseza de xulgados especializados, mais tamén o incumprimento xeral do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, asinado en 2017 polos grupos parlamentarios do Congreso, os gobernos autónomos e a Federación Española de Municipios e Provincias.