Novo asasinato machista

Novo crime machista, desta volta nun concello de Cáceres

Acto contra a violencia machista

A vítima, de 42 anos e natural de Villabona (Gipuzkoa), foi asasinada na localidade cacereña de Arroyo de la Luz, onde vivía coas súas fillas e o seu marido, presunto autor do crime. Con ela, son xa 36 as vítimas por violencia machista no que vai de ano no estado español.


M.S.T. residía dende hai quince anos na localidade en que se materializou o feminicidio co seu cónxuxe, natural de Arroyo de la Luz, e as súas fillas, ambas menores de idade. O marido da vítima e presunto asasino atópase actualmente detido pola Garda Civil nun hospital.

 

Os feitos tiveron lugar a pasada quinta feira 24 de agosto por volta das 7 da mañá tras unha discusión no domicilio familiar, segundo informan axencias. A vítima faleceu a causa de feridas de arma branca e o agresor foi trasladado ao Hospital San Pedro de Alcántara, en Cáceres. Ao parecer non existían denuncias previas de maltrato.

 

Esta sexta feira está convocada unha concentración silenciosa ás portas da Casa Consistorial. O concello cacereño decretou ademais dous días de luto e suspendeu os actos previstos para hoxe con motivo da festa da Tenca. O sábado 26 de agosto, aproveitando un evento institucional terá lugar un acto en repulsa do crime, informou a alcaldesa, a socialista Isabel Morán.