VIOLENCIA MACHISTA

Un home asasina a súa ex parella en Vilalba e despois suicídase

Un cartaz, nunha manifestación contra a violencia machista.

Asasinato machista. Desta vez en Vilalba. Un home de 50 anos de idade asasinou, presuntamente, a súa ex parella e despois suicidouse, segundo as investigacións policiais, que activaron o protocolo de violencia de xénero.

Fontes policiais informan do presunto asasinato dunha muller de 48 anos a mans do seu ex marido, de 50 anos, no barrio da Guadalupe, en Vilalba. O home, que permanecía desaparecido desde o pasado sábado, día 20, á mañá, suicidouse.

O home mataría a muller cunha arma branca na casa dela. Segundo a Garda Civil, atopábanse en trámites de divorcio. Fontes próximas ao caso aseguran que o home tiña unha denuncia previa por violencia de xénero e que sobre el pesaba unha orde de afastamento.

Prevese que o movemento feminista se concentre esta terza feira, día 23, en repulsa do asasinato.

Trátase da segunda vítima galega de feminicidio no que vai de ano, após o caso da muller de Valga asasinada pola súa ex parella, que tamén se suicidou.

Os xulgados galegos recibiron no primeiro trimestre deste ano 1.736 denuncias por violencia de xénero, o que supón 38,4% máis que no mesmo período do ano pasado, cando se presentaron 1.254.