Un home ao que non coñecía, e ao que se busca, agride unha moza en Lugo

Axentes da Policía Local de Lugo. (Foto: Europa Press)
O home, dixo a vítima, tiña o cabelo castaño e portaba na man unha botella ou unha arma branca.

Axentes da Policía Local iniciaron esta madrugada a busca en Lugo dun home por unha presunta agresión a unha moza mentres se atopaba na rúa cuns amigos, segundo informaron as autoridades tras recibiren un aviso en relación a estes feitos.

Na madrugada desta sexta feira, contra as 5 horas, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno recibiu un aviso dunha moza que relataba que cando se atopaba en compañía duns amigos recibira "tres puñadas na cabeza". O culpábel, dixo, fora un individuo ao que non coñecía e do que só puido dicir que tiña o cabelo castaño e que portaba na man unha botella ou unha arma branca.

A muller non necesitou ningún tipo de asistencia médica, explica a Policía Local. No tocante ao home, varios efectivos policiais iniciaron unha procura pola zona, a rúa Bispo Aguirre, "sen que fose posíbel localizar o presunto agresor".