Os datos do Poder Xudicial desmontan o negacionismo

Un home e 38 mulleres, o balance dos crimes na parella

Manifestación contra as violencias machistas en Vigo (GZ Contrainfo)
Os datos estatísticos do Consello Xeral do Poder Xudicial referendan o enorme desequilibrio das violencias machistas: un único home e trinta e oito mulleres morreron asasinadas na Galiza entre 2009 e 2018 no ámbito da relación de parella, o que supón que máis de 97% dos crimes foron por violencia machista.

O Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial acaba de publicar o seu último informe sobre vítimas mortais do que se denomina a "violencia doméstica íntima", aquela que se exerce no ámbito da parella ou da ex parella, a excepción dos casos de violencia exercida por un home contra unha muller. E os datos desmontan o mito negacionista sobre as violencias machistas: ningún home, mais si nove mulleres, foi asasinado pola súa compañeira ou ex compañeira na Galiza durante no trienio de 2016 a 2018.

Para atopar un crime destas características no país hai que remontarse unha década, até o 27 de maio de 2009, data na que unha quincuaxenaria acababa coa vida do seu marido maltratador no domicilio común da Coruña ao golpealo na cabeza cunha pesa. 

No decenio que vai de 2009 a 2018 –último ano do que hai cifras completas– foron un total de 38 as mulleres que morreron a mans do seu compañeiro ou ex compañeiro na Galiza, fronte a esa única vítima varón, segundo as estatísticas do Consello Xeral do Poder Xudicial. Isto supón que 97,4% dos asasinatos no ámbito da parella foron crimes machistas

O último estudo do Observatorio contabiliza para o conxunto do estado un total de 25 delitos de violencia doméstica íntima entre 2016 e 2018, dos que 22 foron de mulleres a homes, 2 dun home a outro e 1 dunha muller a outra, todos no marco dunha relación afectiva presente ou pasada. 

A análise vén completar a información do Observatorio sobre feminicidios neste período: nove mulleres na Galiza e un total de 151 no cómputo estatal, cifra á que, no país, hai que sumarlle ademais a crianza asasinada por un home no contexto da violencia de xénero.

 O informe achega un dato máis: Galiza é, con Catalunya, a comunidade con menor proporción de denuncias previas, unha soa das nove mulleres asasinadas (11,1% do total), o que para o para o Observatorio supón unha taxa "anormalmente baixa".