Histórica manifestación en defensa dos medios públicos

A manifestación en defensa dos medios públicos na Praza de Praterías de Compostela. Foto: @asxornalistas.

Unha manifestación histórica percorreu esta mañá a distancia que afasta San Marcos -o lugar de Compostela onde teñen a sede os medios públicos de comunicación de Galiza- do corazón da capital do país. Os comités de empresa da CRTVG e da RTVE en Galiza convocaron a cidadanía a defender a comunicación pública baixo o lema Pola dignidade dos medios públicos. Esta respondeu por centos.
 

A protesta, concibida como unha marcha á que a xente se ía sumando en diferentes etapas, partiu ás once da mañá. Detrás dunha pancarta coa palabra de orde #DefendeAGalega. Sen medo a loitar, traballadoras e traballadores dos entes -cuxa convocatoria conxunta foi pioneira a través dos comités-, políticos das tres forzas da oposición parlamentaria, cidadanía solidaria, percorreron os case cinco quilómetros para amosar o seu rexeitamento á manipulación informativa, os ataques á liberade de expresión e as represalias aos xornalistas disidentes.

#SábadoNegroCRTVG foi a etiqueta que circulou -aínda circula- polas redes sociais en apoio á manifestación. A referencia é aos #VenresNegros, a acción que desenvolven, cada semana desde hai máis de tres meses, as profesionais da Compañía de Radio Televisión Galega: visten de negro e así demostran a súa oposición á manipulación informativa.

 

A manifestación transcorreu ao día seguinte da emisión do derradeiro Diario Cultural, o emblemático programa cultural -28 anos en antena- que a dirección da Radio Galega decidiu unilateralmente suprimir -só conserva a marca. A defensa da súa permanencia xuntou, pouco antes do verán, un manifesto coa sinatura de centos de artistas e intelectuais e remexeu nas augas do mundo cultural galego.

 

Da marcha tamén fixeron parte os líderes da oposición parlamentaria. Para o portavoz de En Marea, Luís Villares, os medios “deben ser libres para contar a verdade, toda a verdade e sóa a verdade do que sucede no país”. Ana Pontón, líder do BNG, esixiu a dimisión do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. Este é acusado por profesionais da compañía de responsábel da deriva maniupuladora da casa e de tomar represalias contra as traballadoras e traballadores que se arrepoñen á situación.

 

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, tamén asistiu á manifestación, que rematou na Praza de Praterías, ao pé da catedral compostelá. “O PP non pode falar de liberdade nin de independencia dos medios con Feixóo como referente”, afirmou. A actuación musical de Uxía, Guadi Galego e Xabier Díaz puxo o ramo a unha xornada que as centrais sindicais da CRTVG -enfrontadas á dirección de Sánchez Izquierdo- e da RTVE en Galiza cualificaron de “histórica”.

 

Xornalistas dos medios públicos denunciaron nas redes que a CRTVG non cubriu informativamente a protesta. A compañía non se pronuniciou sobre a mesma.

 

Nota: imaxe da cabeceira marcha ao seu paso pola rúa San Pedro de Compostela.