Historiadoras apoian a retirada a Fraga do título de fillo adoptivo que mantén en concellos de Galiza

Dionisio Pereira, Eliseu Mera, Montse Fajardo ou Carlos Gurriarán súmanse así á demanda impulsada polo colectivo de presas e presos políticos na ditadura.

Medio cento de historiadores e historiadoras de Galiza apoian o manifesto impulsado por ex presos políticos no franquismo para pedir que se lle retire a Manuel Fraga os títulos de Fillo Adoptivo que aínda mantén en diversos concellos galegos, como A Coruña ou Ferrol.

 

Representantes do colectivo de presas e como Nicanor Acosta, Manuel Villares e Manuel Monge pediron que todos os partidos manifesten nas eleccións xerais e municipais o seu compromiso coa retirada da simboloxía franquista e da distinción de Fillo Adoptivo a Manuel Fraga. 

 

Dionisio Pereira, Eliseo Fernández, Montse Fajardo, Ricardo Gurriarán, Margarita Ledo, Carlos Velasco, Francisco Javier Redondo Abal, Carlos Méixome Quinteiro, Telmo Comesaña , Xosé Álvarez Castro, Carlos Babío, Beatriz Gómez Amigo ou Gustavo Luca de Tena  son algúns nomes que figuran na lista de historiadores que apoian esta demanda.

 

Unha trintena de ex presos políticos galegos durante a ditadura franquista promoveron a inicios de ano un manifesto para que se retire a Manuel Fraga Iribarne a distinción honorífica de Fillo Adoptivo do Concello da Coruña.  Este título foi concedido pola corporación municipal coruñesa o 24 de decembro de 1968, en plena ditadura. 

 

“Despois de 50 anos, como persoas que sufrimos a represión franquista, queremos difundir unha biografía silenciadas de Fraga porque despois de 43 anos da morte do ditador Franco, asistimos a unha ofensiva das forzas da dereita e de ultradereita, todas con raíces franquistas, que poñen en perigo a democracia e as conquistas sociais”, indican.

 

Entre as persosas asinantes deste manifesto están Manuel Lourenzo, Rafael Pillado, Elvira Souto, Xosé Luis Méndez Ferrín, Celsa Díaz Cabanela, Francisco Rodríguez Sánchez, Manuel Peña Rey, Sary Alabau... Manuel Monge, un dos promotores, afirma que ”consideramos que como servidor do franquismo -así foi recoñecido polo propio Fraga-  e como ministro dunha ditadura criminal, Manuel Fraga non merece recoñecemento social, nin a distinción de Fillo adoptivo”.