A historia premiada de San Sadurniño

Fálame de San Sadurniño, un proxecto para a inclusión das persoas idosas ás novas tecnoloxías tornouse nunha "wikipedia" do "pasado e presente" deste concello de apenas 3 mil habitantes.

 

O 17 de maio é unha data coñecida na Galiza por se conmemorar o Día das Letras Galegas. Porén, tamén é o Día Internacional da Internet. A combinación destes dous fitos fixo xermolar en 2013 Fálame de San Sadurniño. Un proxecto impulsado desde a aula CeMIT do concello e a súa responsábel, Carmen Suárez. Dous anos despois recibiron o premio europeo ACTing pola súa "creatividade", "innovación", "impacto" e "utilidade social". 

Fálame de San Sadurniño xurdiu dos obradoiros desenvolvidos desde a aula CeMIT á fin de incorporar as persoas idosas deste concello da comarca de Ferrolterra ás novas tecnoloxías. "Pensei en facer algo con fotografías faladas", explica Carmen Suárez en conversa con Sermos Galiza. Imaxes que a veciñanza de San Sadurniño puidese explicar através de arquivos de audio. Ao tempo que narraban o pasado e presente do municipio aprendían a "escanear e dixitalizar fotos, usar o Audacity [un programa de edición de audio]" e outras ferramentas como Picassa. 

"O proxecto foi medrando", apunta, até abranguer "máis de 700 historias, máis de 230 persoas colaboradoras e perto de 450 mil páxinas vistas". Asociacións veciñais, empresas, bandas de música e mesmo "concelleiras e técnicos municipais" se animaron a participar neste proxecto que definen como "humilde" mais con "moito valor engadido". 

"Todo isto xunto é máis que un arquivo ou un repositorio. É memoria viva presentada con orgullo"

Através dunha páxina web, das redes sociais Facebook e Twitter xunto cunha canle en Youtube, San Sadurniño abriu as portas da súa historia e a das súas xentes ao mundo. "Todo isto xunto é máis que un arquivo ou un repositorio. É memoria viva presentada con orgullo", di Carmen Suárez quen subliña como un dos principais obxectivos da iniciativa o "empoderamento" popular e, nomeadamente, "das mulleres" de San Sadurniña. E é que elas son narradoras fundamentais da historia do municipio. 

Así é que dúas desas mulleres, Cruz e Consuelo, viaxaron até Xenebra (Suíza) xunto coa súa dinamizadora para recoller o galardón europeo co que se recoñeceu un proxecto que continúa a medrar. "As posibilidades non están esgotadas", di, pois para alén das "[fotografías] faladas" tamén están a recoller "cancións" ou "sons". 

Após recibiren o premio ACTing e daren a coñecer Fálame de San Sadurniño máis alá da localidade, presentarán o proxecto en Pontevedra e o Museo do Pobo Galego. "É un proxecto que se pode replicar", cheo "de emocións" no que se "mesturan moitos formatos".