"A historia da agricultura galega tamén sería distinta de terse derrotado o fascismo"

Bruno Esperante (Nós Diario)
A moto-mecanización da agricultura en Galiza (1939-2000): políticas de innovación, mercados e comunidades labregas é o título da tese que vén de presentar o historiador Bruno Esperante, desde o grupo de investigación da USC Histagra. Unha viaxe pola historia máis recente do país que nos revela a enorme transformación que supuxo no tecido social e económico a introdución dos tractores na agricultura galega. 

Na súa tese trata a introdución dos tractores nas agriculturas familiares na Galiza.

Inicialmente o tema da tese enmarcábase nun proxecto de investigación más amplo sobre a gran transformación tecnolóxica e social das agriculturas ibéricas na segunda metade do século XX. No referido á agricultura atlántica na Galiza, as liñas de investigación do grupo Histagra da USC eran dúas. Por unha parte, a moto-mecanización da agricultura e, por outra, o proceso de especialización leiteira. Cando conseguín un contrato de investigación en 2015 fun elixido para investigar sobre o proceso de moto-mecanización que definía un amplo abano de cambios tecnolóxicos. É dicir, introdución de tractores, colleitadoras, moto-segadoras etc. Digamos que o tractor era a máquina central dese proceso e, polo tanto, a máis simbólica.  Movémonos entre 1939 e 2000, polo tanto, durante toda a ditadura franquista, transición e democracia. Se ben, as datas son para orientarnos, xa que, ao contrario do que a xente poida pensar, os historiadores non adoitamos traballar con datas fixas, porque as hipóteses e procesos históricos que investigamos raramente se explican dese xeito.

Vincula a introdución masiva de tractores co colapso da agricultura familiar e cos desequilibrios económicos dos anos 80 e 90.

Si, porque coinciden no tempo e teñen relación. Na Galiza, a maioría dos tractores chegaron moi rápido na década dos 80, xusto cando aumentaban o feche das explotacións ou se vendían as vacas porque o leite non daba ou os fillos e fillas xa non ficaban na casa. A xente mercaba o tractor precisamente por iso, porque as persoas á cabeza da explotación xa tiñan 50 ou 60 anos. O tractor era unha garantía ante a falta de traballo familiar ou un investimento para medrar na produción. 

Diría que o éxodo rural e a agro-industria van da man?

Todo indica que si, aínda que con matizacións. A agro-industria é un modelo de produción resultado dunha gran demanda de produtos alimentarios por sociedades cada vez máis urbanizadas. Cómpre producir moito, en moi pouco tempo e de forma moi barata. Iso é incompatíbel as máis das veces con explotacións pequenas e familiares que eran e son, a miúdo, o groso da poboación activa nas aldeas. 

Como o paradigma liberal e de economía de mercado afectou á agricultura e gandaría?

No primeiro terzo do século XX apostouse pola introdución da maquinaria de forma cooperada, cousa que se paralizou completamente no paradigma do fascismo agrario. Isto tivo enormes implicacións, xa que na Galiza se perderon décadas de cambios e implantouse unha forma de mercar maquinaria moi individual. En Francia non ocorreu así, xa que desde 1945 apostaron decididamente polo desenvolvemento das cooperativas de uso de maquinaria agrícola. Noutras palabras, a historia da agricultura tamén tería sido distinta de terse derrotado o fascismo. 

A tese viaxou desde a Galiza até Irlanda. Hai paralelismos? 

Viaxou si, mais se te refires a paralelismos na historia da moto-mecanización da agricultura, acho que non [ri]. Poderemos ter conexións noutros ámbitos, mais a agricultura e gandaría irlandesa é diferente á galega. É certo que ambos países son potencias na produción leiteira, mais teñen enormes diferenzas na súa experiencia histórica. Irlanda vai máis adiantada nese aspecto, xa que non tivo a áncora da ditadura franquista e ten, tamén, outras características que lle facilitaron o proceso de introdución de tractores. Por exemplo, unha fábrica de tractores en Cork, ou terse beneficiado dunha máis rápida inclusión na Comunidade Económica Europea en 1973.