Que modelo enerxético precisamos?

A historia de como unha enerxía limpa pode destruír un territorio

Os mesmos que queimaban carbón e se enriqueceron emitindo grandes cantidades de CO2 agora son promotores dos parques eólicos. (Ilustración: Álex Rozados).
A enerxía renovable é un invento marabilloso que existe desde os anos 70 e 80 e que permite producir enerxía coa luz do sol ou co vento. Entón, por que agora o boom eólico?

A enerxía renovable é un invento marabilloso que existe desde os anos 70 e 80 e que permite producir enerxía coa luz do sol ou co vento. Entón, por que agora o boom eólico? O detonante desta febre pola renovable do vento en Galicia, chamada transición enerxética, comezou xusto no momento en que queimar carbón deixou de ser rendible e as térmicas anunciaron o seu peche. É dicir, os mesmos que queimaban carbón e se enriqueceron emitindo grandes cantidades de CO2 agora vístense de verde e convértense nos promotores dos parques eólicos. Este é o lobo con 
pel de cordeiro. 

Pero cal é o punto de partida de Galicia? Galicia xa parte dunha situación como produtora de enerxía envexable: Galicia é a comunidade con máis produción eólica da península por KM21 (á excepción da illa de El Hierro). En Galicia, no 2020, máis do 75% da produción eléctrica xa era de orixe renovable2 (hidráulica e eólica), chegando xa ao 74% de enerxía renovable que se marcou no Plan nacional integrado de enerxía e clima 2021-20303 dándolle cumprimento aos obxectivos da axenda 2030.

E en lugar de baixar a factura da luz a todos os galegos e galegas que xa soportamos máis que ninguén (á excepción da illa de El Hierro) todas as infraestruturas e danos destas instalacións, temos, en cambio, centos de novos proxectos eólicos que ocuparían o 30% do territorio galego, incluídas Reservas da Biosfera, aldeas e zonas que levan máis de 10 anos agardando por ser incluídas na Rede Natura. Estamos a falar de que o tamaño dunha provincia sería un parque eólico!
A gravidade da invasión eólica que ameaza Galicia é realmente enorme: De non a parar será o condena de morte de moitas aldeas que quedarán baleiras, da nosa cultura e paisaxes, e significará empobrecemento radical de toda Galiza, non só do rural! 

Por moito que a Asociación Eólica de Galicia intente sacarlle brillo aos seus datos para que parezan máis sociables e sostibles, a verdade é que non deslumbran a ninguén. Desmintamos o mito de que os eólicos deixan riqueza no rural. Cos parques eólicos, en realidade: 
Fincas e vivendas perden arredor dun 30% do seu valor só por estar no radio de 2 km dun parque eólico ou dunha liña de alta tensión segundo varios estudios realizados en EEUU e Reino Unido4. A maioría dos proxectados neste momento impactan en núcleos rurais.

A renda per cápita dos concellos con máis parques eólicos é máis baixa que a media galega. É o caso de Muras, o concello con máis parques eólicos, e segundo os datos do Instituto Galego de Estadística ten un PIB catro veces máis alto que a media galega. Cando o PIB é moi alto e a renda per cápita é moi baixa, fálase de economía colonial. Onde vai entón toda esa riqueza que xeran os parques eólicos? O que está claro é que non queda para a xente que vive alí. 

Non crean emprego na localidade. O emprego que xera un parque eólico é temporal (no momento da construción). Os demais empregos son mínimos e non asentan poboación no rural. É dicir, para o rural, unha granxa, un taller ou unha panadería crean postos de máis valor, máis duradeiros e que apegan persoas ao rural. 

A paisaxe é un recurso de todos que ademais nos achega benestar. Pensa un momento en que lugar te sentes mellor e seguro que ese lugar non ten liñas de alta tensión, nin subestacións eléctricas, nin aeroxeradores. Así son as nosas aldeas. Se as nosas aldeas se converten en parques eólicos, ademais de valor patrimonial, perderemos benestar. O futuro será máis gris e o despoboamento acelerarase. Quen quere vivir nun parque eólico? Perderemos saúde: o ruído, o efecto discoteca, o risco de accidente por desprendemento, o aumento de depresións e, incluso, o aumento de suicidios, tal e como se comprobou que sucede nas vilas e aldeas próximas a parques eólicos en EEUU.

Estes son só algúns dos puntos que considero máis relevantes, hai moitos máis. Máis só con isto, alguén pode xustificar tamaña invasión das eléctricas na nosa terra? Non se pode facer, desde logo, en nome das persoas, do ecoloxismo nin da sustentabilidade. Só en nome do interese duns poucos, que nin tan sequera viven aquí!

A transición enerxética debería pasar por fomentar o autoconsumo e os edificios sostibles. Con eólica de tamaño máis humano e cooperativo, prescindido ao máximo da produción masiva de enerxía e do seu transporte a centos de quilómetros dos puntos de consumo agás para uso industrial. Os impactos serían moito menores e a factura da luz moitísimo máis económica. Este plan sería bo para todos, menos para unhas cantas grandes empresas multinacionais que perderían o control sobre un ben esencial hoxe en día como a enerxía.