'Cantas mulleres cómpre violar para producirdes luz?'

Esta terza feira (A Coruña, 12h) dúas lideresas indíxenas de Guatemala denunciarán na Galiza a violación de dereitos humanos perpetrada pola empresa galega Hidralia Energía. Falarán Natalia Atz e Paula Irene del Cid, das asociacións guatemaltecas Ceiba e La Cuerda. Sermos Galiza falou con elas nunha completa reportaxe publicada no nº13 do semanario (agosto 2012) que reproducimos a continuación 


O titular desta información é a dura mensaxe que o municipiio de Santa Cruz Barillas, en Guatemala, transladou a Hidralia nunha faixa con que rexeitaban a súa presenza. Propiedade de Luís Castro Valdivia, a empresa galega aterrou alén mar como Hidro Santa Cruz, filial que preside David Castro Valdivia e que ten por obxectivo a construción dunha hidroeléctrica nunha corrente de auga que fai parte de terreo sagrado. A represión ás 23 comunicades afectadas vai das ameazas até o asasinato.


Era 1 de maio, feira no municipio de Santa Cruz Barillas, Huehuetenango, departamento situado no noroeste guatemalteco, arrimado a México. Andrés Francisco Miguel traballaba na finca, cortando café, cando dous descoñecidos chamaron por el para que os acompañase até as instalacións da empresa Hidro Santa Cruz, propiedade dos irmáns galegos Luís e David Castro Valdivia e que executa en Guatemala o proxecto dunha minicentral.

Sabían da oposición que nas 23 comunidades lindeiras espertaran os plans de Hidralia e que, sendo líder campesiño como era, non se resistiría a ir canda eles se lle suxerían que algo, o que fora, estaba a pasar nos terreos que ocupara sen permiso o capital estranxeiro.

Pasaron 25 días e os dous homes que chamaron por Andrés —Ricardo Arturo López e Óscar Amado Ortiz, ambos traballadores de Hidro Santa Cruz— son detidos por dispararen contra o campesiño até o asasinar, e por deixar feridos de gravidade outros dous comuneiros.

O Goberno de Guatemala, presidido polo ex militar Otto Pérez Molina —vinculado a delitos de xenocidio—, erixíuse en cómplice necesario da empresa para sacar adiante o proxecto de explotación hidroeléctrica en Barillas após colaboraren os irmáns Castro Valdivia no financiamento dunha campaña electoral que tiña por lema Mano dura. 

O 2 de maio envía o Exército ao municipio e manda deter 12 persoas, todas acusadas de atentado, roubo, asociación ilícita e detención ilegal. O único
que fixeran fora oporse á presenza de Hidro Santa Cruz nas súas terras, de titularidade comunitaria. Algunhas fóronlles expropiadas á forza. Outras
mercáronas "con engano, sen se identificaren como membros da empresa nin dicir para que eran".

Natalia Atz: "Nun país que ten os índices de desnutrición máis altos de América Latina é doado convencer para que che vendan as terras"

"Nun país que ten os índices de desnutrición máis altos de América Latina é doado atopar man de obra ou convencer para que che vendan as terras. Nestes proxectos xógase coa necesidade que pasan as persoas". Quen fala é Natalia Atz, coordinadora da organización guatemalteca Ceiba, para alén de facer parte da defensa dos nove detidos antes mencionados, todos homes. As tres mulleres quedaron en liberdade.

"A empresa busca dar un escarmento ás comunidades, intimidar, que vexan que ir contra eles é perigoso. Para nós son presos políticos. Non executaron
ningunha das prácticas das que están acusados. O que conseguiron foi que as persoas se organizasen, que a loita sexa cada vez maior".

De presos políticos fala tamén o informe emitido pola Facultade latinoamericana de ciencias sociais —de aquí en diante Flacso—, ao redor dos intereses que levaron o Goberno a proclamar o Estado de sitio aquel 1 de maio, e tamén o informe emitido ao respecto pola Converxencia polos dereitos humanos. 

"A empresa busca dar un escarmento ás comunidades, intimidar, que vexan que ir contra eles é perigoso. Para nós son presos políticos"

Descríbese en ambos documentos as incursións que, durante os 18 días que durou a situación de excepción— practicou o Exército nas comunidades. "Ao redor de 50 pick-up con seis elementos cada un", segundo contabiliza o informe sobre dereitos humanos, entraron nas vivendas, rexistráronas sen orde xudial ningunha na procura de armas, dicían. Tiraron cos alimentos e malláron nas persoas. "Preocúpanos en especial que golpeasen dúas nenas, de 5 e 7 anos, por non diciren onde estaban seus pais", sinala a Converxencia. 
 

AMEAZAS, VIOLACIÓNS, FEMIXENOCIDIO

"Viñemos a Barillas con ánimo de contribuír ao seu progreso e desenvolvemento", explica Luis Castro desde Guatemala nun video en que se presenta como "vítima". Contrastan as súas palabras cos feitos descritos pola Flacso, Converxencia polos dereitos humanos, pol@s comuneir@s, e por organizacións que loitan polos dereitos d@s indíxenas como Ceiba. Uns e outras cadran en condenar tanto o Estado de sitio decretado como a brutal represión execida en Barillas antes e despois da incursión dos militares, e poñen nome ao culpábel: Hidro Santa Cruz.

Diciamos antes que non había mulleres encarceradas. Mais os nomes de moitas figuran nas listaxes de persoas contra as que o Goberno emitiu ordes de busca e captura. "Igual que ocorreu durante a guerra, as mulleres son obxecto de abusos, que de maneira exacerbada chegaron até a violación sexual e o femixenocidio".

Di a Flacso na súa publicación Diálogo correspondente a xullo de 2012 que as operacións de control exercido polos militares se concretaron en ameazar as mulleres con violalas. Polo medio, o acoso, a intimidación e as agresións verbais para lles meteren o medo no corpo. Son elas, indíxenas maias da etnia Q'anjob'al, as que encabezan a loita pola defensa do seu territorio. E son elas, tamén, as que levan a peor parte. 

"Teñen un papel protagonista, aínda que lles supón unha tripla carga reivindicativa. Aínda non respectan os seus dereitos como mulleres e veñen as transnacionais arrasar cos seus dereitos como parte do pobo indíxena", quéixase Natalia Atz. Di a coordinadora desta organización, responsábel de proxectos en prol da saúde e da soberanía alimentar, que as empresas non negocian coas mulleres a compra das terras.

"A maioría son comunais, polo que son máis baratas porque nin sequera están rexistradas. E cando están rexistradas, o titular é o home". Para alén desta cuestión, elas son máis reacias a venderen, pois ven nas terras a fonte de alimentación d@s fill@s, non unha oportunidade de negocio.
 

CANDO O POBO MAIA DI 'NON' 

As consultas comunitarias son unha sorte de referendo que se realiza entre @s indíxenas desde tempos ancestrais. Mais só se ouviu falar delas nos últimos anos, co 'segundo desembarco' ou a chegada de capital estranxeiro con fame de recursos naturais aos países do Sur, nomeadamente a Guatemala.

Non teñen carácter vinculante para o Goberno, máis até Nacións Unidas redactou recomendacións na liña de respectar a palabra maia. Pois ben, en 2007 Barillas votou nunha destas consultas se quería no territorio actividades que comprometesen a Nai Terra. Participaron 46.481 persoas, e 46.472 dixeron que non. En 2009, Hidro Santa Cruz rexistrou unha demanda contra sete líderes comunitarios. 

"Igual que ocorreu durante a guerra, as mulleres son obxecto de abusos, que de maneira exacerbada chegaron até a violación sexual e femixenocidio". Moitas aparecen nas ordes de busca e captura ditadas polo propio Goberno

En 2010 —xuño— foron @s comunitari@s @s que denunciaron a empresa por lles invadiren as terras. Dous meses máis tarde, Hidro Santa Cruz ofreceu "un apoio" de 30 mil quetzais a cada comunidade ao ano —ao cambio, 10 quetzais fan un euro— e retirar a demanda interposta. As comunidades din que non, e antes de rematar o ano os irmáns Castro Valdivia emprenden accións legais contra outras seis persoas contrarias á hidroeléctrica.

En abril de 2011 o Concello négalles a licenza de construción da hidroeléctrica, permiso que lle concede o Ministerio de Enerxía e Minas guatemalteco ao mes seguinte. Os Castro Valdivia non gostan da actitude municipal, e presentan unha demanda contra o Concello "por iren en contra do progreso".

"Non imos contra o desenvolvemento, imos contra o saqueo", espeta Natalia Atz Sunuc. En Guatemala, xa durante o goberno de Álvaro Colom se financiaban, en nome da soberanía alimentar, grandes plantacións de palma africana e cana de azucre para biocombustíbeis.

"Cando nos xuntamos co ministro de Minas, díxonos que eran o 52% de pobres que viven no país os que contaminaban, non unha empresa mineira. É unha forma de discriminación, de favorecer as transnacionais, de deixar impune a violencia".

DIÁLOGO? QUE DIÁLOGO?

Di o proxecto hidroeléctrico que Luís Castro Valdivia entregou no Concello de Barillas en agosto deste ano que se desenvolveu "un proceso de diálogo en que participaron activamente" as persoas das comunidades, e que o obxectivo da súa empresa é "en calquera caso e en todo momento que as comunidades resulten beneficiadas".

​Mais o que Hidro Santa Cruz chama diálogo é o mesmo que a Flacso chama "división e control comunitario", dividindo a poboación, controlando e amedrentando as comunidades. "Poñen os veciños uns contra outros. Ofrecen postos de traballo, ou cartos, e como hai tanta necesidade algunhas persoas van aceptando.

"Non imos contra o desenvolvemento, imos contra o saqueo. Aquí a xente só pensa en que les van quitar as terras, a auga, a comida... non hai terroristas. Hai un pobo pisado que se ergue polos seus dereitos"

Cortan os lazos, as alianzas, incluso entre as propias familias. E a quen non colabora acúsano de terrorismo. Aquí a xente só pensa en que lles van quitar as terras, a auga, a comida... non hai terroristas. Hai un pobo pisado que se ergue polos seus dereitos". Érguese e loita. O día do asasinato de Andrés Francisco Miguel, varias persoas foron detrás do carro en que fuxiron os dous homes que o mataron.

Refuxiáronse no destacamento militar. O Maior pídelles que se vaian, mais retéñeno e ameazan con non soltalo até que non asine que a empresa marchará de Guatemala por onde chegou. 

Soltárono sen que asinase nada. A Converxencia polos dereitos humanos condena estes feitos mais, fronte á violencia da que responsabiliza os militares e os traballadores da empresa, di entender as razóns que empurran ás persoas das comunidades. Listaxes negras, control, desprazamentos forzados, presos políticos. As accións policiais e militares desenvólvense en cinco comunidades —as que lindan coas instalacións da empresa— como resposta necesaria para dar continuidade ao modelo económico e patriarcal que se está a crear. 

O capital estranxeiro leva os beneficios e deixa un territorio destruído. O sector eléctrico é un caramelo para o capital pola rendabilidade que ofrece. "Levamos entre doce e catorce anos coa idea repetida desde os sucesivos gobernos de que cómpre mudar a matriz enerxética. Mais é claro que o que se procura é xerar riqueza para o poder económico". 

"Hai unha alianza entre o estado e o capital estranxeiro", explica Natalia Atz, subliñando que o financiamento da campaña electoral de Otto Pérez Molina con diñeiro de Hidro Santa Cruz non é unha novidade, senón o paso previo para espir os pobos, desposuílos das súas riquezas e colocalos ao servizo de necesidades alleas.