Con que herbas preparamos o cacho de San Xoán?

[Imaxe: Portal das Palabras]

O día 23 de xuño é costume saír recoller as plantas para facer a auga de San Xoán. Métense nunha talla con auga e déixanse ao orballo durante toda a noite para, á mañá seguinte, lavar a cara con elas. Normalmente utilízanse sete especies diferentes, porén dependendo do territorio no que nos atopemos, esta cantidade e o tipo de herbas poden variar. 

A de San Xoán é unha festividade pagá celebrada polos celtas con motivo do solsticio de verán. Cada ano, na madrugada do día 21, os nosos antepasados prendían fogueiras para recibir a entrada da estación máis calorosa e festexar que o sol alcanzaba o seu punto de maior poder.

Durante esa noite, tamén denominada Litha, non só o astro acadaba o seu apoxeo, senón que o mal tamén adquiría unha maior capacidade de aflixir danos ás persoas, ao gando e á colleita. Ao abeiro destas temerosas crenzas fóronse tecendo rituais cuxo obxectivo era o de afastar as doenzas que a malignidade puidese causar.

Unha das cerimonias que se constituíron foi a de facer o cacho. Esta imperecedoira tradición consiste en encher un recipiente de boca ancha (de aí o seu nome) con auga e engadir as follas e as flores de sete herbas e plantas. Unha vez feito, a mestura débese deixar macerar ao orballo durante toda a noite para, á mañá seguinte, lavar a cara con esta auga.

Dentro da cultura popular estabelécese que a noite de San Xoán e o resío multiplican as propiedades atribuídas ás plantas. Nun primeiro momento, estaban asociadas a quitar o demo do corpo, afastar as bruxas e curar a envexa. Porén, na actualidade están ligada a propiedades medicinais como a protección ante as enfermidades cutáneas.

Como se fai o cacho?

Para facer a auga de San Xoán non existe unha única receita de plantas e herbas, senón que varían en función da súa dispoñibilidade territorial. A pesar disto, si se pode falar dunha fórmula común para a maioría dos concellos galegos conformada pola abeloura, o fento, a malva, o romeu, o codeso, o fiúncho e o estalote.

A maiores tamén existen infinidade de variantes que inclúen o uso da macela, o mexacán, a hortensia, a ruda, o ourego, o loureiro e as follas do amieiro, do carballo, do castiñeiro, da nogueira, da figueira e do laranxeiro.

Estas son as máis habituais:

A herba de San Xoán, tamén denominada herba das feridas ou abeluria, é unha planta conformada por flores de cinco pétalos amarelos con pintas negras e moitos estames. A tradición oral dicía que era moi efectiva contra o demo e en medicina utilízase como cicatrizante e antiséptico.

O fento macho é unha planta de aproximadamente un metro e medio de altura pertencente á familia dos fieitos. Entre as súas características cómpre falar da súa toxicidade e da súa calidade antiparasitaria.

A malva é un conxunto de máis de vinte especies pertencentes á familia do hibisco, cuxas flores constan de cinco pétalos brancos ou violetas. As súas propiedades son calmantes e antiinflamatorias polo que posúe gran efecto en casos de bronquite, tose ou arrefriado En tempos pasados críase que a súa presenza atraía a abundancia de medicinas para o fogar.

O romeu é un arbusto de dous metros de altura cuxa utilización está moi estendida dentro da gastronomía como condimento. Mentres que a crenza popular consideraba que o seu uso protexe e purifica os fogares, no ámbito médico atribúeselle trazos beneficiosos para o sistema circulatorio, dixestivo e respiratorio.

O codeso, da mesma familia que as xestas, é unha árbore de follas pequenas e flores papilonácea cuxas calidades son tóxicas para o gando . Na antigüidade utilizábase para facer as vasoiras coas que barrer a casa dos malos espíritos.

O fiúncho é unha planta aromática, de follas miúdas e flores amarelas pertencente á familia das apiáceas. Considerada no pasado como un remedio efectivo contra o mal de ollo, na actualidade asócianselle propiedades diuréticas.

O estalote ou dedaleira é unha herba tóxica cuxo aspecto está determinado polas súas flores violetas con forma de campás. Na medicina antiga utilizábase para facer fronte as enfermidades cardíacas.