Henar Cavero: "Teño en conta que a prenda sexa reutilizábel"

Henar Cavero, artesá

Henar Cavero é desas persoas que un día decide cambiar a súa vida, dar un xiro completo e reinventarse. Para dar ese salto tiña unha boa razón: o nacemento do seu primeiro fillo. Mudar de profesión, unha aventura cada vez máis habitual no noso país, levouna a ser artesá de prendas para crianzas. Non tiña ningunha experiencia, só unha máquina de coser que lle regalaran anos antes de dar o salto, e a experiencia da súa nai para dar os primeiros pasos. Nace O Sol de Inverno, un proxecto único como as súas creacións.   

Como nace O Sol de Inverno?

O meu primeiro fillo naceu no inverno e foi o meu sol. A maternidade deume un xiro de 360º. Foi en 2012 e dinme conta de que había un oco que non estaba cuberto, o da roupa feita con criterios conscientes e ecolóxicos. Tamén me decatei de que non había prendas con criterios estéticos diferentes, máis alegres e divertidos. Roupa cómoda e funcional pensada para as crianzas. Deixei a miña carreira profesional por ser incompatíbel coa maternidade. Vin que era unha maneira de conciliar.

Cando deseña ten en conta a quen vai dirixida a prenda? 

Está pensado para elas, para as crianzas. Tento fomentar a autonomía no movemento desde que nacen. A comodidade. Que experimenten de maneira libre co corpo. Nunca facemos roupa que impida os movementos. As teas son flexíbeis. Logo, a roupa que facemos está pensada para que dure un período longo de tempo.

Coa experiencia dos meus fillos vía que a roupa quedaba obsoleta por cuestións de tamaño. Un tema importante que teño en conta á hora de deseñar é que a prenda sexa reutilizábel. De feito hai pantalóns de seis meses que duran outros tres anos. O meu sistema é que primeiro son pantalóns longos e despois vanse facendo curtos, mais seguen a valer. A proba está en que a maioría da xente coa que me atopo anos despois dime que seguen poñendo a roupa.

Para min iso é unha satisfacción absoluta. Estou en contra da obsolescencia programada da maioría de obxectos de hoxe en día. Mesmo hérdanse as prendas. Póñolle moito agarimo a cada peza de roupa para que sexan teas de moi boa calidade e que duren lavados. Que non se estraguen, que non se deformen nin perdan calidade. Que poidan pasar de crianza en crianza durante moitos anos. 

Que materiais emprega para a realización das prendas?  

O material é outro dos puntos fundamentais de O Sol de Inverno. Sempre que podo emprego algodón 100%. Hai algunhas prendas que teñen algunha fibra que lle dá elasticidade, mais son as menos. E tamén sempre que é posíbel emprego algodón orgánico. Tamén utilizo outros tecidos como cánamo.

Nos zapatiños emprego coiro, mais cun material moi escollido que pido a Alemaña, que contén tinguiduras sen metais pesados, sen cromo que é moi canceríxeno, sen colorantes azoicos nin disolventes tóxicos. É un coiro custoso, por este motivo o produto é máis caro que os comerciais que podes atopar nas tendas. É dunha calidade altísima e moi bo. Teño en conta que vai en contacto coa pel das crianzas. A maior parte do proceso de curtido dos coiros é moi contaminante e este non o é. Ademais, cada prenda é única na súa talla. É o que ten o produto artesán, non existe a produción en serie.

Moitas clientas preguntan por unha determinada prenda que lles gusta noutra talla e non a hai. É unha cuestión tamén de saúde mental para min. De non aburrirme no proceso.

A maior parte da venda é nas feiras. Como inflúe a situación actual de emerxencia sanitaria?  

O futuro inmediato da artesanía é incerto, está clarísimo. Aínda que si emprego internet, con páxina web e redes sociais, a maior parte das vendas faise en directo, nas feiras. É a mellor maneira que ten a clientela de ver as prendas e a súa calidade. No caso da roupa, moito máis pola posibilidade que ten de probala.

En relación ao que vai pasar, penso que é unha situación incerta porque neste verán, a época do ano mellor para as feiras e onde se realizan a maior parte dos ingresos do ano, xunto coa época do Nadal, eu son das que penso que se van suspender. Van ser uns tempos difíciles, incertos para toda a xente que se dedica de maneira profesional á artesanía.