O helicóptero de Salvamento Marítimo buscará pellets na zona de Valdoviño onde Gardacostas atopou un saco

(Foto: Gardacostas)
O voo terá lugar na zona de Punta Frouxeira.

O helicóptero Helimer HS401, que pertence aos recursos de Salvamento Marítimo, ten previsto realizar na mañá deste domingo voos de recoñecemento na zona de Valdoviño onde Gardacostas localizou o sábado un saco de pellets de 25 quilos.

Así o trasladou a Delegación do Goberno estatal na Galiza nunha mensaxe remitida aos medios no que sinalan que a hora de saída da aeronave do servizo de Salvamento con base en Santiago de Compostela dependerá das condicións meteorolóxicas.

O voo terá lugar na zona de Punta Frouxeira, en Valdoviño, onde o helicóptero Pesca 2 do Servizo de Gardacostas de Galiza, dependente da Xunta, localizou e recuperou o sábado un saco intacto cargado con 25 quilos de material plástico.

Desde a Xunta cífrase en apenas 10% a porcentaxe de sacos que ían no contedor caído en augas portuguesas e que chegaron ás costas da Galiza. Desde Salvamento Marítimo tamén se procedeu a realizar este sábado unha inspección aérea polo litoral galego, sen detectar sacos.

A vicepresidenta segunda avanzou esta fin de semana que a próxima semana porán en marcha unha comisión de expertos en ecotoxicidade á que convidarán o Goberno español, segundo afirmou a vicepresidenta segunda, así como a técnicos da Administración, universidades e persoal de centros especializados.

Un dos obxectivos, destacou, será que sirva para "adiantarse de cara ao futuro" e ver desde a Galiza "que é o que esiximos ao Goberno español e a Europa", xa que "non se pode permitir que os océanos acaben cheos de plásticos e destas pequenas partículas".

Ademais, outra das motivacións desta "comisión técnica" é "centralizar" a información para "seguir avanzando en estudos" e "seguir facendo reivindicacións", posto que hai que garantir "a máxima protección" para manter a "excelencia dos mariscos, peixes e augas".