Helena Miguélez é investigadora

Helena Miguélez: "Poñemos o traballo de investigación ao servizo dun proxecto transformador e emancipador"

As investigadoras mantiveron varias reunións para deseñar o proxecto. (Foto: Xarda Audiovisual)
O Espaço Clara Corbelle é un proxecto de produción crítica galega conformado por investigadoras de diversos ámbitos das ciencias sociais. Helena Miguélez, investigadora e integrante do consello de redacción da revista que o espazo empregara como palestra, explica que o obxectivo das integrantes é desenvolver diversas iniciativas que poidan complementar a revista, e que teñan como principal fin construír un plataforma transformadora para a Galiza, a través da investigación e do activismo.

-Onde ten a orixe o proxecto?

Naceu no verán de 2020, cando varias persoas chegamos á conclusión de que a capacidade crítica do soberanismo galego precisaba ser renovada e ampliada, co obxectivo de que fose máis versátil. Este grupo, que se ampliou co paso dos meses, provén integramente do mundo da investigación en diversos eidos, como os estudos culturais, a antropoloxía e as ciencias sociais... e activistas. A maioría de nós estamos a cabalo entre eses dous mundos. Queremos pór o traballo de investigación de todos estes eidos ao servizo dun proxecto transformador e emancipador para o noso país. Sempre tivemos a idea de conformar un espazo, no cal a revista é unha das súas arestas. A idea é crear unha plataforma que dea cabida a proxectos de varios formatos.

-Por que o nome Clara Corbelle?

Xurdiu cando unha de nós estaba a ler a tese doutoral do antropólogo Xose María Cardesín, que facía un estudo sobre unha parroquia de Castro de Rei e de como era a sociedade galega rural a finais do século XIX. Cardesín fala dun grupo sociolóxico singular que existía daquela, que recibían o sobrenome de "as camareiras" ou "as caseteiras". Eran mulleres que tiñan crianzas fóra do matrimonio, e que no momento de ficaren embarazadas non eran recoñecidas. Iso impedíalles inserirse por completo na sociedade. Clara Corbelle é o nome que atopamos mencionado nesta tese doutoral dunha destas caseteiras. Ela tiña a particularidade de que levou a xuízo oral o home que a deixou preñada. Non lle recoñeceron a filla, pero queríamos homenaxear este xesto.

-Como escollerán a temática dos artigos publicados?

A revista sempre tratará temas monográficos. A idea é que non sexa unha revista de variedades, senón que o consello de redacción decidirá cada ano cal será o número monográfico da revista, e comisionará artigos e contidos que traten o tema escollido desde diferentes perspectivas. O que eliximos para o número inaugural será poder e colonialidades, España na Galiza de hoxe. Queremos afondar nunha diagnose máis versátil do que hoxe significa o poder do Estado español no noso país.

-As autoras destes artigos, formarán sempre parte do proxecto, ou haberá colaboracións externas?

Para este primeiro número, as autoras escollidas xa están fechadas, dado que vai saír no Nadal. Algunhas fan parte do consello de redacción, mentres que outras son autoras convidadas. Un dos aspectos que nos interesa é aproveitar a grandísima forza e masa crítica, académica e investigadora que existe na Galiza e na diáspora, que ás veces non atopa foros nos que publicar e socializar ese coñecemento do ámbito académico e investigador. A idea é contar cunha variedade de persoas que vai desde autoras máis consagradas até xente máis nova que está a comezar e que debe contar cun espazo no que participar na esfera pública galega.

-Mencionou antes que o obxectivo do proxecto é ampliar a capacidade crítica do soberanismo galego.  

Para nós é central, e por iso imos investir as nosas enerxías en levar este proxecto adiante. Un dos pensamentos que nos fixo converxer como grupo foi a sensación compartida de que a esfera pública galega, no que ten a ver coa produción crítica, móvese por departamentos estancos, en base a culturas políticas que non tenden a dialogar entre elas. Cremos que o diálogo dinámico coa investigación, desde posturas críticas e emancipadoras, axuda a vivificar un pouco o campo do pensábel e publicábel na crítica soberanista galega. A tese soberanista é central para nós, pero cremos que aínda pode medrar.