Hayden Dopico: "As características sexuais dunha persoa non definen a súa identidade"

Hayden Dopico, presidente de Amizando. (Foto: Nós Diario)
Hayden Dopico (A Coruña, 1991) asumiu a presidencia de Amizando, asociación galega en loita polo recoñecemento dos dereitos e das identidades trans, en 2020. Saír do armario levoulle tempo. Perto de seis anos entre o rexeitamento e a conquista dunha maior liberdade que só unha lei trans pode facer real, efectiva e duradeira. 

-Por que non se pode demorar máis a aprobación dunha Lei Trans "integral", como reclama o colectivo? 

Sinxelamente porque é algo polo que se leva moitos anos loitando e non é xusto que se siga postergando. Hai moita xente que a precisa para poder ser quen é, que está pasando por un proceso médico-xurídico inaceptábel. Ademais, é preciso incluír dunha vez a menores, migrantes e persoas non binarias, que até o momento non se están a ter en conta. Non somos iguais ante a lei. A desprotección xurídica é moi grave, por iso creo que hai cuestións vitais sen as cales a lei non pode ir adiante, sen as cales non tería sentido.

-Cantas formas distintas hai de vivir e recoñecerse nas identidades trans?

Infinitas. Cada persoa sente a súa identidade dunha maneira distinta. O que non se pode pretender é que as persoas teñan que pasar por uns requisitos tan ríxidos como os que nos vemos na obriga de atender agora para ter acceso a un cambio rexistral: dous anos de hormonas e cirurxías. O que se busca coa lei é que isto non sexa necesario, que se poida facer sen ter que someternos a este proceso, co que algunhas persoas non se senten ben. E a proba está en que moitas abandonan o tratamento após o cambio rexistral, porque non se senten identificadas co que lles pasa, cunhas condicións que negan a súa autodeterminación.

-A fin da patoloxización das persoas trans e a libre autodeterminación de xénero son dúas das principais reivindicacións para a protección efectiva dos seus dereitos.

Queremos que a lei sexa o máis integral e transversal posíbel. Iso exixe o recoñecemento de todas as persoas trans, tamén as menores de idade, e eliminar calquera traba ao acceso aos cambios documentais e aos tratamentos, terapias ou cirurxías que cadaquén elixa de forma libre e informada, sen necesidade de condicionar a súa identidade a ningunha tutela médico-xurídica, que non é máis que outra forma de violencia contra as persoas trans.

Neste sentido, o dereito á autodeterminación é básico para o recoñecemento da identidade de xénero e da existencia das persoas trans e das persoas non binarias. Mais tamén para deixar ben claro que as características sexuais dunha persoa non definen a súa identidade. A autodeterminación de xénero suporá unha serie de garantías que agora mesmo non temos, sobre todo no plano médico, para poder decidir sobre os nosos corpos de acordo con quen somos.

-A sociedade está preparada para entender e acoller a diversidade que representa o colectivo trans?

A maioría da xente descoñece todo o que supón a nosa realidade. Neste sentido, cómpre máis información, máis transparente. Dentro do noso colectivo, así como hai unha parte moi activa e visíbel, hai outra que se afasta dese foco por medo ás violencias que sofren día a día. Precisamos máis altofalantes para poder contar o que nos pasa en primeira persoa, sen que ninguén fale por nós, pero sobre todo precisamos unha lei integral que recoñeza todos os dereitos dos que nos vemos privados na actualidade. Será chave para garantir a protección  efectiva das persoas trans e tamén unha ferramenta útil para que nos escoiten e nos comprendan.

-O debate da Lei Trans supuxo nos últimos meses unha maior visibilidade do colectivo. Serviu máis para gañar recoñecemento ou unha maior exposición en forma de transfobia?

O debate favoreceu esta dobre vertente. O que non se ve non se coñece. Mais creo que neste sentido o debate que se xerou arredor da Lei Trans, que leva seis anos dando voltas con catro propostas diferentes, non se está a dar dunha forma adecuada. Hai un sector da sociedade, non só do feminismo, que está a instrumentalizar un aspecto das identidades trans que non é real e que está a facer moito dano ao colectivo. Ese sector excluínte non quere que esta lei saia adiante e ampáranse nunha desprotección xurídica que non é real. En consecuencia, estamos vendo un aumento de situacións de discriminación, de agresións e de suicidios, tanto de menores como de persoas adultas.

-En que ámbitos son máis frecuentes esas situacións de discriminación e acoso?

Acontecen en calquera faceta da vida: na rúa, na escola, na sanidade, no ámbito laboral. Neste último caso, a discriminación ten lugar xa desde o primeiro momento. É moi difícil para unha persoa trans acceder a un posto de traballo. A taxa de desemprego é moi elevada, de perto de 80% no conxunto do Estado español.

O Congreso vota o trámite da Lei Trans

Esta terza feira, 18 de maio, vótase no Congreso a toma en consideración a trámite da proposición de Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans, rexistrada hai dous meses polos grupos parlamentarios Republicano e Plural. A votación ten lugar un día despois da xornada internacional contra LGTBIfobia e após unha fin de semana de mobilizacións en Vigo e Lugo por unha Lei Trans integral, polo cumprimento do pacto de Goberno e contra o borrado das persoas trans.

De saír adiante a votación -precisa unha maioría simple- a norma iniciaría o seu trámite. A proposición de lei recolle a autodeterminación de xénero, a identidade non binaria, o cambio de nome sen necesidade de cambio de sexo legal para menores e adultos e o acceso das persoas trans migrantes ao cambio rexistral que o borrador da Lei Trans do Ministerio de Igualdade condiciona a certos requisitos que o PSOE segue a defender.