SOCIAL

Ramón Grosfoguel: "Hai unha forte correlación entre os Estados neoliberais e o número de mortos da COVID-19"

Diálogo con Ramón Grosfoguel organizado pola Fundación Galiza Sempre.

O sociólogo portorriqueño asegura no ciclo Diálogos desde a periferia, organizado pola Fundación Galiza Sempre, que con esta pandemia "queda demasiado ao nú a contradición entre a vida e a ganancia do capital".

O sociólogo e teórico decolonial portorriqueño Ramón Grosfoguel, profesor na Universidade de Berkeley, inaugurou esta cuarta feira o ciclo Diálogos desde a periferia, impulsado pola Fundación Galiza Sempre, cunha conversa na que debullou as consencuencias da crise do coronavirus en todos os estratos da realidade xeopolítica actual. 

"Os Estados neoliberais son os que teñen o maior número de mortos por coronavirus. España, Italia, Francia, Reino Unido, os EUA, Colombia, Ecuador, Perú, Brasil, Chile... É dicir, hai unha forte correlación entre os Estados neoliberais e o número de mortes", salientou Grosfoguel. 

Unha afirmación que vencelleu con "políticas austericidas" aplicadas por orde do "gran capital", dese "1%" do mundo, e que exemplificou nos "recortes nos orzamentos estatais" e na "transferencia de recursos do Estado ao gran capital" coa "privatización de todas as industrias estatais". Por todo isto, considera que co coronavirus "queda demasiado ao nú a contradición entre a vida e a ganancia do capital"

Grosfoguel, que reside parte do ano nos Estados Unidos de América, sinalou que alí o pico da pandemia aínda non chegou "e xa está á cabeza do mundo no número de mortos". "Está morrendo un número de xente que non ten que morrer", afirmou, para explicar que unha porcentaxe "normal" de falecementos en caso de pandemia "está entre o 2% e o 3%", onde situou a Alemaña como exemplo, pois "a pesar de pedirlle ao resto que aplique políticas austericidas, non recortou os seus servizos de saúde e tiña respiradores para os seus".

"Hai milleiros de persoas que non tiñan que ter falecido de ter unha máquina de oxíxeno na sala de urxencias, suficientes camas, suficientes enfermeiras e médicas, suficientes hospitais. Sabemos que coa privatización dos servizos de saúde fan que teñamos unha situación draconiana, dantesca, na que temos a unha médica na sala de urxencias decidindo quen vive e quen morre. Colapsaron os servizos de saúde, por iso morreu xente por encima dese 3%. E todas esas son persoas que non tiñan que ter morto, son mortos polo virus do neoliberalismo non polo coronavirus", argumentou. 

Neoliberalismo, en "fase terminal"

Con isto, o sociólogo evidenciou que "o neoliberalismo como ideoloxía entra en crise terminal" con esta pandemia e que como política pública nunha situación como esta "non serve". "Calquera Estado que a partir de agora aplique políticas austericidas queda nú aos ollos do pobo, como un Estado suicida, que leva á súa poboación á morte. O neoliberalismo, como proxecto no mundo, perdeu lexitimidade", asegurou.

Aquí, o profesor apuntou que "Cuba e Venezuela están dando exemplo ao mundo", pois Venezuela "ten o menor número de mortos de América Latina" e Cuba "ten médicas para atender os seus e para exportar ao mundo". Ademais, salientou que as cubanas desenvolveron "un medicamento propio que está a funcionar" contra a COVID-19 e que "China está a producilo a nivel masivo agora".

Para Grosfoguel "entramos nunha Gran Depresión como a dos anos 30 do século pasado" cos EUA como "epicentro da pandemia" que acumulan "trillóns de deuda" e a perda de centos de milleiros de empregos "que non se van recuperar". "Probabelmente rematen con cifras de 60 millóns de desempregadas", avanzou. 

E pola contra, sinalou que "China pasa ser o novo centro do capitalismo mundial" ao converterse na "potencia máis importante e máis sólida durante a pandemia". Con "trillóns de dolares en aforros" está a mercar accións de compañías internacionais a baixo prezo. "Agora mesmo, sae fortalecida e con plena soberanía sobre todos os mercados financeiros no seu territorio. Por iso España, e outros estados, prohibíu vía decreto que empresas estranxeiras se fagan con empresas estratéxicas que están en números baixos na bolsa", explicou. 

"Aviso" da natureza

"Levamos 400 anos de destrución da vida polo afán de ganacia do capital e por producir tecnoloxía con cosmoloxía dualista cartesiana", sostivo Ramón Grosfoguel. "Isto chega agora con esta pandemia tamén a unha fase terminal. A natureza está a mandarnos un aviso, ou paramos este ciclo civilizatorio de destrución da vida ou a natureza se encargará de extinguirnos a nós". 

"Vemos a capacidade da natureza de rexenerarse en cuestión de semanas de paralización da economía mundial. Aparecen animais que desapareceran de certas zonas. Isto mostra cuan destrutivo é o sistema civilizatorio que temos neste momento", dixo. 

Desta maneira, o sociólogo incide quen hai que "interpretar a mensaxe" e pensar que houbo avisos como o do virus do Ébola, que se se converte en pandemia "a metade da humanidade desaparece en cuestión de semanas". "Temos que movernos cara a un sistema de civilización onde priorice a vida, nun sentido amplo non antropocéntrico, ou temos os días contados no planeta Terra", aseverou. 

Cae a "careta" do Réxime do 78

Na última parte da conversa, centrada no momento actual no Estado español, Grosfoguel tamén concluíu que o Réxime do 78 está "en fase terminal" após a "mal chamada transición democrática do Estado español".

Segundo relatou, o Goberno español fixo o que cualificou de "155 camuflado" cunha "centralización do Estado" que eliminou a autoridade das Autonomías e lanzou o Exército á rúa, "cargándose calquera espazo de soberanía das nacións sen Estado".

O que demostra que é, nas súas palabras, un "Estado monárquico que responde aos intereses do IBEX 35, que non se toma en serio ás nacións sen Estado e só se fía do españolismo".

O sociólogo considerou que a coalición do PSOE e Unidas Podemos é o Goberno "menos malo" que podía haber na Moncloa nestes momentos. Porén, criticou que "acudiron ás políticas máis dereitistas" e que "de tantas opcións que tiñan sobre a súa mesa, optaron polas máis neofranquistas". "Isto di moito dos límites destes partidos e do Estado español".

Así, destacou que o feito de non ter fechado Madrid é un "exemplo de como o españolismo non salva vidas, senón que provoca a morte dos pobos e das nacións sen Estado". "A careta do Réxime do 78 caeu e vemos que a súa verdadeira cara é o franquismo ou o novo franquismo", manifestou.

Con todo, para Grosfoguel ábrese un momento de oportunidade para o soberanismo no Estado español. "Os soberanismos de esquerda teñen que botar as loitas cara adiante como nunca antes. Por iso digo que hai un momento de oportunidade, pois coa pandemia as máscaras se caen", constatou.