Antonio Montoto leva anos vendo casos moi graves

"Que haxa tantos casos de lesión medular en xente moza é unha catástrofe"

O doutor Montoto nas instalacións do hospital (Foto: Chuac)
O doutor Montoto, médico adxunto á Unidade de Lesionados Medulares do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), recomenda pensalo ben e revisar a profundidade do mar ou da piscina antes de arriscarse a facer un mergullo que pode provocar lesións irreparábeis. 

Este verán volveu crecer o número de pacientes na unidade de lesionados medulares?
As lesións medulares por mergullo habitualmente non son frecuentes. Supoñen entre un 1,5 e un 2% de todos os casos de lesión medular traumática cada ano. Normalmente temos entre dous e tres casos, pero neste ano levamos desde finais de maio, co desconfinamento, ata agora catro casos. Foron dous casos no mar e dous na piscina. 

Cando fala de lesión traumática, refírese a dano irreparábel?
Nunha lesión por un mergullo pode haber dúas situacións. Unha: o normal é que haxa unha fractura de columna cervical que leve asociada a un dano na medula espiñal. Outra: se a lesión é máis leve, o que ocorre é que hai un problema da columna sen afectación da medula. 

Que pasa si toca a medula?
Cando hai afectación da medula, esta é variábel. No mergullo o dano sempre se produce na columna cervical polo mecanismo de impacto. Mais pode darse unha lesión medular cervical incompleta ou completa. 

Cal é a diferenza?
A completa é aquela na que a ou o paciente queda sen mobilidade e sen sensibilidade por debaixo do nivel da lesión. Cando é incompleta hai sensibilidade ou sensibilidade e mobilidade por debaixo dese nivel. O normal é que afecte aos brazos e pernas.

Os casos que están tratando este ano foron de gravidade?
Hai tres casos de lesións moi graves e un menos grave, dentro da gravidade desta lesión nun paciente mozo. Un é un paciente cuxo prognóstico funcional é moito mellor, xa está camiñando de novo, pero os outros pasou pouco tempo e hai que agardar a ver a evolución. 

Trátase de doentes novos?
Son todos menores de 42 anos.  

A unidade do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) é a de referencia para toda Galiza ou cada centro atende a súa área sanitaria?
É a de referencia autonómica, recibimos pacientes de toda Galiza. Dos catro que temos agora, só un é da nosa área. 

Hai algúns anos pensabamos que un problema deste tipo era sinónimo de quedar nunha cadeira de rodas ou nunha cama. Agora que a medicina, a ciencia e a tecnoloxía avanzaron... Hai solución para todo?
O prognóstico depende, basicamente, de dúas cousas. Unha é a altura da lesión: se a persoa ten afectada a columna cervical é máis grave que si deu na columna dorsal ou na lumbar. A outra cuestión a ter en conta é a extensión da lesión, é dicir, si é completa ou incompleta. Mais, polo de agora, non temos un tratamento curativo definitivo para a lesión medular traumática.  

Hai estudos en curso?
Neste momento no Estado xa se están a facer tratamentos experimentais pero son para demostrar que son seguros. Aínda non sabemos se son eficaces. Primeiro queremos amosar a súa seguridade para avanzar na súa eficacia. Como non temos tratamento definitivo, contamos cun de sostén para que a medula espiñal se recupere da mellor maneira posíbel. Se a lesión é incompleta as posibilidades de que a ou o paciente se recupere e volva ser funcional son moi altas. Aproximadamente entre un 55 e un 60% son incompletas, co cal máis da metade dos doentes que ingresan na nosa unidade saen camiñando. 

Cando conversan coas persoas ingresadas, cóntanlles por que arriscaron tanto?
Nun mergullo o que pasa é que non pensas o que fas. Época estival, bo tempo... Por iso, as campañas de prevención son fundamentais. É fundamental que haxa unha mentalización nas praias, con carteis, e nos equipos de socorrismo. Incluso, poderíase advertir a través da megafonía cando dan os anuncios a primeira hora da mañá. Ou recordar cada certo tempo o perigoso que é tirarse en zonas nas que non hai profundidade. Son lesións pouco frecuentes pero que haxa dous ou tres casos en xente tan nova é unha catástrofe. Desde os oito casos de 1992 baixamos a dous ou tres ao ano e en 2019 non houbo. 

Para os que sigan cos mergullos, hai algún consello?
Pensar que pode pasarche, comprobar sempre a profundidade da auga e se é suficiente en relación ao salto. É recomendábel evitar tirarse en augas turbias, ríos pantanos... Se te tiras de cabeza faino cos brazos estendidos para protexer o pescozo.