Paz Filgueira, xuíza do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo

"Hai un só garda custodio para entre 40 e 70 vítimas de violencia de xénero"

[Imaxe: SG] A xuíza Paz Filgueira

Paz Filgueira é a xuíza titular do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo. Polo seu despacho pasaron no último ano máis de 1.250 mulleres, máis de tres ao día, e só no partido xudicial de Vigo (a propia cidade –que representa o 85% dos casos-, Nigrán, Baiona e Gondomar). Conversamos con ela sobre violencia machista no Sermos Galiza 236. Eis un extracto da entrevista.

Na Galiza só hai dous, o de Vigo e o da Coruña. Son necesarios os xulgados específicos de violencia de xénero?

Son imprescindíbeis. Se realmente hai unha preocupación por parte dos poderes públicos cara a esta temática, é imprescindíbel que haxa órganos especializados. Os xulgados que non son específicos non teñen nin o tempo nin posibilidade nin dispoñibilidade, ao concorrer con máis materias mixtas, nin a especializade que require a temática. Integralmente o sistema non ofrece as mesmas posibilidades ás usuarias da mesma forma.

Con que dificultades vos atopades no xulgado? Como afectan os recortes?

As dificultades son moitísimas. Está a carencia de espazos suficientes, a pesar de que contamos con salas separadas, que son obrigatorias, pero as salas están pegadas, co cal facemos un labor de control que non nos corresponde, cunha falta de seguridade bastante grave no edificio, mesmo co desaloxo dalgunha persoa. Tamén a falta de custodia. En Vigo dispoño de policía nacional –que só ten un equipo de tres persoas ou, ás veces, catro- e policía local -que ten cinco ou seis-. Contando todo o territorio, poden oscilar entre 40 e 70 as mulleres protexidas por un só garda custodio e iso é unha problemática de seguimento elevadísima que debemos necesariamente paliar. Non podemos facer un seguimento adecuado e é algo que nos preocupa especialmente. As medidas económicas tamén. Houbo un recorte significativo, polo que nos comentan as señoras aquí, nas axudas económicas e nos plans aluga.

Como valoras a asistencia letrada e o acompañamento policial das vítimas durante o proceso e despois das denuncias?

Se hai unha cuestión grave, as mulleres veñen acompañadas por orde xudicial, pero se non se solicita expresamente, os custodios non poden abandonar a rúa para acompañar unha señora. Nin cando veñen ao xulgado nin á Audiencia Provincial poden ir acompañadas, porque non hai recursos suficientes. Vigo conta, desde o propio concello, cun labor de acompañamento con orzamento municipal que funciona elevadamente ben, pero outras localidades non teñen ese privilexio. Hai unha falta integral de conexión do sistema desde o meu punto de vista.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 236, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]