Sí hai saída pedirá que a Fiscalía investigue a actuación da Casa da Muller no asasinato de Ana Gómez

[Imaxe de arquivo / GzContrainfo]

Ana Gómez acudiu á institución para recibir información o día en que foi asasinada após acudir aos servizos sociais municipais.

A asociación de axuda a mulleres en situación de violencia machista, Sí hai saída, sinalou que instará a Fiscalía a iniciar unha "investigación" sobre a actuación desenvolvida pola Casa da Muller de Lugo en relación ao crime machista de Becerreá. 

Farao após ter coñecemento de que Ana Gómez Nieto visitou o día en que foi asasinada esta institución para se informar das axudas e posibilidades coas que contaba para se independizar do seu compañeiro. Porén, na Casa da Muller teríanlle aconsellado que acudise aos servizos sociais de Becerreá para iniciar calquera procedemento embora tamén lle recomendasen que presentase unha denuncia, segundo recollen diversos medios de comunicación. 

"Non é concebíbel que a manden para atrás", sinalan desde Sí hai saída

"Non é concebíbel que a manden para atrás", apunta Marta Rodríguez, integrante de Sí hai saída quen pide que "se chegue ao fondo da cuestión" e "se depuren responsabilidades se as houber". 

Ana Gómez Nieto xa acudira, segundo confirmou o Concello de Becerreá, á traballadora social municipal para preguntar polas axudas ás que podería acceder co obxectivo de iniciar unha vida independente do seu compañeiro describindo perante a administración que a relación entre ambos os dous era moi mala, razón pola que marchara da casa que partillaban. 

"Non imos contra ninguén, queremos que se investigue"

"Isto é moi grave", aseguran desde Sí hai saída ao tempo que reclaman que "se atenda ben ás mulleres" e "perante unha posíbel neglixencia se investigue". "Non imos contra ninguén", subliña Rodríguez Engroba, "só queremos que se investigue para que isto non volva acontecer porque falamos de vidas humanas" e "quizais podería terse evitado" o asasinato

Ana Gómez Nieto foi asasinada con arma de fogo o 11 de febreiro na parroquia de Herbón, en Becerreá.