Un posíbel novo caso de feminicidio

Si, hai saída lamenta as reaccións ante o asasinato de Tatiana V.A.

A asociación contra a violencia machista Si, hai saída expresa a súa preocupación dadas as reaccións que xurdiron após o asasinato da moza Tatiana V.A.

“Cando aínda se está a investigar a autoría do asasinato de Tatiana, e ante a posibilidade de que se trate dun novo caso de violencia de xénero, vemos con profunda inquedanza como se están a cuestionar aspectos da vida de Tatiana, das súas relacións, e mesmo da súa familia, algo que, ao noso entender non procede”, explica a asociación nun comunicado.

Si, hai saída tamén cuestiona a “gran relevancia” que se lle está a dar ás características do presunto autor do crime. Refírese á súa procedencia e á súa etnia, “como se isto explicase ou xustificase o seu proceder, no caso de que a súa culpabilidade chegue a demostrarse”.

Culpabilización

“Non falta quen culpa a Tatiana por ter rexeitado a axuda que semella que tivo e a súa negativa a presentar a denuncia, esquecendo o máis importante e preocupante, que todas deberiamos cuestionarnos, que é a dependencia psicolóxica que adoita ter a muller maltratada e que a incapacita para tomar calquera tipo de decisión e para saír da súa tremenda situación”, engade a asociación.

Neste sentido, Si, hai saída explica que moitas veces, a propia muller “non é quen de recoñecerse como vítima de malos tratos nin de tomar conciencia da súa condición”. Ante esta situación, chama a “prestarlles axuda” e a “ensinarlles a identificar eses signos que lles fagan entender que están inmersas nunha relación enferma”.