"O PP quere as mulleres outra volta na casa"

A comisión de acción feminista do BNG da Coruña e Galiza Nova denunciaron cunha performance no Obelisco as consecuencias das políticas neo-liberais, entre elas "a feminización da pobreza", "a precarización laboral das mulleres" e a "invisibilización do seu traballo na esfera doméstica". Vídeo no interior.

 

"Queremos emprego, traballo xa temos" foi o lema escollido pola comisión de acción feminista do BNG na Coruña para denunciar o desemprego que cada vez atinxe a máis mulleres no noso país --das 23.196 persoas desempregadas na Coruña, 12.272 son mulleres. Mais tamén, quixeron visibilizar o inxente traballo que estas desenvolven na esfera doméstica e que non conta con ningún tipo de remuneración. Unhas tarefas, lembran, "que o sistema patriarcal lles adscribe ás mulleres". 

Para visibilizar o invisíbel, media ducia de mulleres vestiron as tradicionais batas, sacaron o ferro e comezaron a varrer co pó no Obelisco coruñés ao tempo que pasaban pola ringleira dunha oficina de emprego. Após cuñárenlles a tarxeta de desempregadas, as mulleres e mozas do BNG e Galiza Nova formaron o lema da campaña cuns cartaces cos que denunciaron a precarización laboral das mulleres, a feminización da pobreza e o incremento real das desigualdades entre mulleres e homes nunha sociedade cada vez máis inxusta. 

"Detrás de todas as medidas que o Partido Popular está tomando o que se agocha é o empeño en recuperar unha sociedade onde as mulleres queden na casa", asegurou na comparecencia de imprensa Vitoria Louro, responsábel de acción feminista do Bloque na Coruña. "Leis como a de familia, anuncios de derrogación como a do aborto, ou a base de recortes, ben sexa coa reforma laboral ou coas reformas da lei da dependencia", explicou a nacionalista, deixan claro que "a igualdade non forma parte do proxecto ideolóxico do PP".

Nese senso, desde a fronte nacionalista e a organización xuvenil quixeron "rachar coa invisibilidade dos seres transparentes" facendo súas as verbas do escritor Valentín Paz Andrade, e denunciar que "as mulleres somos máis afectadas  olos recortes do estado de benestar, e por tanto dos servizos públicos" habida conta de que a asignación de roles patriarcais rematan por atribuír ás mulleres o desenvolvemento destas tarefas cando a súa prestación por parte da administración pública desaparece.