"Hai que comprar auga embotellada porque os pozos están contaminados". Alertan da situacion da auga na Limia

Situación do Río Limia (Foto: Movemento Ecoloxista da Limia).
Para o Movemento Ecoloxista da Limia, "a triste realidade é que os habitantes da Limia teñen que mercar auga embotellada porque maioría dos pozos da chaira da Limia están contaminados por nitratos e bacterias procedentes das explotacións agrogandeiras que non xestionan adecuadamente os residuos que producen".

O día 2 de setembro de 2022, o conselleiro de Medio Rural, José González, anunciou durante a inauguración de Alimagro en Xinzo de Limia, que o goberno galego presentará o Plan Estratéxico da Limia (PEL), durante aquel mes.

“Pasou un ano e do PEL nada soubemos nada. Pasou un ano e o concelleiro virá a Xinzo inaugurar Alimagro, e fará máis promesas”, segundo alertan desde o Movemento Ecoloxista da Limia.

Para este movemento, “a triste realidade é que os habitantes da Limia teñen que mercar auga embotellada porque maioría dos pozos da chaira da Limia están contaminados por nitratos e bacterias procedentes das explotacións agrogandeiras que non xestionan adecuadamente os residuos que producen”.

As probas “visíbeis” destas afirmacións “témolas”, ademais das analíticas oficiais, na canle da Lagoa e no río Limia que están a funcionar como “autenticas depuradoras biolóxicas, contribuíndo ao grave problema de contaminación que padece o encoro das Conchas”, acrecentan.

O río Limia "ficou esquecido"

Segundo indican, o río Limia “ficou esquecido por completo polo señor conselleiro, polo presidente da Confederación Hidrográfica, polos alcaldes e, o mais triste, polos propios habitantes da comarca que calan e aceptan como algo inevitábel a lamentábel imaxe do noso río moribundo”.

“O maior tesouro que temos na Limia de cara un futuro climático incerto e o grandioso acuífero que temos baixo os nosos pés. O intelixente sería impedir que se degradade máis”, manifestan.

“E se do PEL nada sabemos, tampouco se sabe nada das medidas que debería estar tomando o Goberno galego para declarar A Limia como zona de augas vulnerábeis pola contaminación. E se do PEL hai un ano, destoutro fai ano e medio, cando o MITECO incluíu a comarca no mapa de augas vulnerábeis e empezou a correr o prazo (de 3 anos) para que a Xunta elabore a declaración e tome as medidas necesarias para limitar a contaminación.

O Movemento Ecoloxista da Limia considera que a veciñanza da Limia, os agricultores e os gandeiros, e os representantes políticos que se implicaron na Mesa da Limia e as alcaldesas e alcaldes desta comarca, por obriga dos seus cargos, “deberían trasladarlle ao señor conselleiro estas mesmas preguntas e a inquedanza que provoca a falta de respostas”.