Ve presións e intereses especulativos

A plataforma do Sar apresenta un contencioso contra o traslado da EDAR de Compostela ao Souto

Lugar do Souto, en Santiago de Compostela.

A Plataforma pola Recuperación do Sar vén de denunciar un intento fraudulento por parte do Goberno central de pór en marcha as obras para a nova depuradora de augas residuais (EDAR) de Santiago de Compostela. O Consello de Ministros anunciou o pasado 26 de xaneiro a urxente ocupación dos terreos do Souto, sobre os que agora pesa a ameaza dunha declaración de ilegalidade derivada do recurso interposto pola organización.
 

 

O recurso contencioso administrativo presentado contra a nova depuradora pola Plataforma pola Recuperación do Sar xuntos os veciños de Quistiláns, Costoia e Framil, está a ser tramitado no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O documento denuncia os estragos medioambientais e patrimoniais do traslado da depuradora da Silvouta á zona do Souto, no municipio de Compostela.

 

O portavoz municipal do Partido Popular e ex conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, entende que esta é a “única alternativa viábel” e lembra que conta cunha declaración de impacto ambiental favorábel. Mais a plataforma, por voz de Suso Noia, denuncia que tal estudo non inclúe “os elementos patrimoniais e naturais existentes na zona, cando hai unha directiva europea que pon especial atención ao entornos con elementos patrimoniais e arqueolóxicos”.

 

“Cremos que hai presións e pode haber intereses especulativos cos terreos do Souto, intereses empresariais na revalorización desas terras”, engade Noia. “É surrealista que se cambie a unha depuradora que vai costar trinta millóns de euros máis para tela no Souto en lugar de mantela na Silvouta [tamén no termo municiapal de Compostela]. Trinta millóns de euros que os veciños de Santiago van estar pagando os próximos vinte ou trinta anos”.

 

De asinar o convenio, o Concello de Santiago tería que sufragar 18 millóns de euros (1.800 euros por veciño), 20% dos 90 millóns sobre os que se estima o custo total da nova estación depuradora. “Comparado con outras cidades, Ourense aporta 5% do custo da súa e Vigo, 6%. Aquí aporta igual o Concello que a Xunta. Son datos que a cidadanía non sabe e que é interesante que saiban”, explica.

 

A maiores, a Noia preocúpalle sobre todo os danos que a estación depuradora de augas residuais (EDAR) causaría no medio ambiente: “Aínda que fose gratis, tampouco queremos a depuradora no Souto. É unha zona moi rica, cunha carballeira centenaria, distintas árbores de ribeira, teixos de máis de douscentos anos, cipreses que se van incorporar ao catálogo de árbores senlleiras, petroglifos, etc. Dálles todo igual. De facerse a obra, vai quedar un talude de 35 metros de altura, como un edificio de doce plantas. Como pode o PP plantexar esta barbaridade nun dos bosques máis singulares do entorno de Santiago?”.

 

Xa no ano 2015, Aquagest -a empresa privada que xestiona a auga en Compostela- intentara mudar o sistema de depuración escollido no proxecto. Segundo a compañía, o funcionamento por fangos activos “era o peor dos catro sistemas propostos”, lembra Suso Noia. “Eles mesmos recoñecen que é a peor opción das contidas no estudo de impacto ambiental. Desde o Ministerio de Agricultura contestan que non, que de cambiala cambiaríase a declaración ambiental e non a cumpriría”, quéixase.

 

“Agora asustan cunha sanción de 12 millóns de euros por non asinar o convenio. É unha ameaza de matón de barrio por parte do ministerio: ou firmas ou métoche unha multa. Martiño Noriega [o alcalde de Compostela] está a decatarse de que poden perder os fondos asine ou non o convenio, pois a obra ten moitas posibilidades de ser paralizada”.

 

Desde o Concello de Santiago consideran que o traslado ao Souto sería “prexudicial para a cidade” e aseguran non estar a favor do convenio “tal e como está redactado”. Amais, acusan a Aquagest e a Augas de Galicia de non introducir as demandas do concello en canto ao uso de tecnoloxías e ao reparto dos custos descritos no convenio. A pesar disto recoñecen que é “competencia plenaria” e que, polo tanto, “terá que ser o pleno quen decida”.

 

Ames, sen consultar

 

A nova localización da EDAR sitúase a 15 metros do termo municipal de Ames, “e sen consultar con el”, explica Suso Noia: “A propia lei de estudo de impacto ambiental obriga a consultar aos organismos afectados, xunto coas entidades ecoloxistas que poidan alegar”.

 

O desprazamento da depuradora afectaría Ames, xa que as vivendas máis próximas, a 200 metros do lugar previsto para a obra, pertencen a ese concello. “É un dos máis afectados e non foi chamado a consulta. Ames pode tirar abaixo este procedemento e xa advertiu por unanimidade no pleno que van recorrer esta ubicación. O único que defende esta nova ubicación son Agustín Hernández e o PP de Santiago”.

 

Nota: imaxe do Souto, en Santiago de Compostela.