"Hai pacientes que tratamos de manter en planta para non colapsar a UCI"

Medicina Interna e Pneumoloxía son as plantas de hospitalización de referencia para o coronavirus. (Foto: Eduardo Sanz / Europa Press)
A presión hospitalaria mantese á alza na Galiza con máis de 1.200 persoas ingresadas en centros sanitarios pola Covid. As Unidades de Coidados Intensivos están a pique de superar a ocupación da primeira vaga.

As plantas de Medicina Interna e Pneumoloxía seguen a ser as áreas de hospitalización de referencia para o tratamento da Covid na Galiza. Cada día reciben novos ingresos. A diferenza da primeira vaga da pandemia, nesta terceira onde asumen unha carga de traballo extra, derivada non só dunha transmisión e detección máis elevadas, senón tamén das necesidades específicas dos doentes que chegan ao hospital con patoloxías diferentes da Covid-19.

A vaga máis esgotadora

"Cando se declarou a pandemia fechouse todo e cancelouse a actividade ordinaria nos hospitais. Os ingresos por enfermidades non relacionadas co coronavirus reducíronse e puidemos dedicar case por completo os servizos de Medicina Interna e Pneumoloxía aos pacientes Covid, ademais doutros moitos recursos hospitalarios que agora manteñen a súa actividade asistencial", afirma a Nós Diario Hadrián Pernas, internista no Hospital Cínico Universitario de Santiago.

Agora, o traballo é máis duro, admite, máis esixente. "Comezamos a semana con 120 pacientes Covid en camas de hospitalización ordinaria, xusto no límite para que a dirección dispoña un aumento de persoal, fixado a partir do paciente 121". O persoal médico especialista no tratamento da Covid reclama un novo reforzo de persoal, mesmo con facultativos doutras especialidades, máis cando se "fixeron contratos específicos para esta situación, pola emerxencia sanitaria, pero que destinaron a outros servizos".

Reclamamos o apoio de especialistas que aínda que non controlen de patoloxía pulmonar ou infecciosa, saben de pacientes

"Entendo que para garantir unha mellor calidade asistencial sexamos os servizos de referencia pero non nos poden sobrecargar como os responsábeis da pandemia, como se fose cousa nosa. A pandemia é un problema de saúde pública no que todo sistema ten que pór da súa parte", defende Pernas, quen recoñece que o cadro de persoal de Medicina Interna non mudou desde a chegada do coronavirus. "E a xente segue a ter insuficiencia cardíaca, EPOC e enfermidades neoplásicas que hai que diagnosticar. Esta é unha unidade de ingresos na que atendemos entre 150 e 180 pacientes non relacionados coa Covid".

Os casos de coronavirus manteñen a ocupación por riba da doutros invernos

Con todo, este especialista observa cambios nos ingresos propios do inverno. "Este ano non hai gripe e iso alixeira a sobrecarga prevista, pero o volume de traballo non diminuíu, ao contrario. Os casos de coronavirus manteñen a ocupación por riba da doutros invernos. Por iso reclamamos o apoio de especialistas que aínda que non controlen de patoloxía pulmonar ou infecciosa, saben de pacientes".

Novos rostros para a mesma doenza

A enfermidade coa que se atopan os médicos internistas nesta terceira vaga da pandemia é a mesma que xa coñecían sen grandes mudanzas nin no tratamento nin nos coidados. "Neste momento atendemos máis casos en xente nova, que me preocupa moito, pero segundo os surtos que se dean e onde, os escenarios mudan. E tamén atendemos persoas moi maiores, con outras patoloxías, cuxo prognóstico empeorou moi axiña tras o contaxio até precipitar o seu falecemento".

Ingresan moitos máis doentes nos primeiros días da enfermidade e pacientes novos sen factores de risco nin patoloxías previas moi graves

Persoal facultativo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña confirma o impacto da terceira vaga de coronavirus na presión hospitalaria e na saúde das persoas. Ingresan moitos máis doentes nos primeiros días da enfermidade e pacientes novos sen factores de risco nin patoloxías previas moi graves. Unha situación de apuro que exixe numerosos traslados a Unidades de Coidados Intensivos ademais de "mortes innecesarias".

Pacientes ao límite

"Estamos igual que nos peores momentos da primeira vaga, mais sen contar con todo o hospital implicado na pandemia. E aínda non alcanzamos o pico de hospitalizacións", asegura Hadrián Pernas. "As gardas son un inferno. Este mes chegamos a atender 20 ingresos nun día mais as complicacións de pacientes que urxen coidados críticos".

As previsións nos hospitais son pouco optimistas ante a cifra de novos contaxios. "Adoitan chegar a nós a partir do sétimo día desde a aparición dos síntomas, cando comeza a inflamación máis potente. E en planta xa temos moitos pacientes aos que tratamos de aguantar sen baixalos á UCI, para non colapsar máis unha unidade que xa está ao límite. É duro, teñen días moi malos e medo de acabar na área de críticos, pero fano moi ben e moitos reverten a situación", afirma Pernas.