Xosé Bocixa

“Hai mil historias por contar en Galiza e que se están obviando por falta de medios e de tempo”

Nós Televisión e Tingalaranga Audiovisual veñen de presentar ‘Touro, O Pino: A ameaza do cobre’, un documentario dirixido por Xosé Bocixa que aborda en 55 minutos a través da voz de científicos, veciñas e veciños, alcaldes, empresari@s, o conflito xurdido polo proxecto de reabrir a mina de Touro e O Pino.

Xosé Bocixa (As Encrobas, 1967) dirixe ‘Touro, O Pino: A ameaza do cobre’, un documentario en que se mergulla na resposta veciñal ao macroproxecto que quer reactivar as antigas minas de cobre. Dá voz a veciños, alcaldes, científicos… para ofrecer un relato real do que está en xogo non só nesta comarca, senón tamén no país.

 

-Por que este documentario?

 

-Pola urxencia de divulgar un problema máis que temos en Galiza en relación coa megaminería. Como moita xente, entereime do que estaba a pasar alí polas redes sociais e decidín coñecer mellor de que ía todo iso. Pola miña propia vivencia persoal, das Encrobas, estes son temas que me interesan. Participei nunhas xornadas no Pino coa xente que se opón a este proxecto e máis adiante decidimos facer un documentario.

 

Creo que había que afondar no tema dunha maneira dinámica e intentando chegar a moita xente para concienciar da gravidade do problema. E tamén para chamar á solidariedade de toda Galiza porque este tipo de proxectos megamineiros son problema de todos e todas, sexan en Touro, na Terra Chá ou en Mesía.

 

Entón, resumindo, este traballo quer chamar á solidariedade con esta xente que leva unha loita tan complicada ao tempo que promove e divulga a información sobre o que en realidade representa este proxecto mineiro.

 

-Gravar este documentario axudouche a entender mellor a cerna de todo o que está en xogo en proxectos mineiros como este?

 

-Desde fóra non tes unha visión tan clara. Cando falas coa xente, no terreo, podes decatarte de todo o que está en xogo. Este traballo é o que chamo documentarios de urxencia, feitos por un equipo mínimo, basicamente unha persoa e unha cámara (ri).

 

Foi moi importante ver a afectación da mina sobre moitas persoas e mesmo empresas. Xente que leva toda a vida naquela comarca, tentando sacala adiante desde os seus sectores produtivos, como o agro ou a gandeiría… Estiven cun gandeiro que me levou até o monte que se vai ver afectado pola mina e alí vin a gran riqueza de auga que abastece as granxas e aquelas poboacións. Alí comprobei a gravidadade da contaminación, vin como os regatos das antigas minas de ouro, pequenas e artesanais, baixan aínda afectados. E como os regatos das minas antigas de hai 30 anos veñen aínda contaminados. Non che digo nada o que pode pasar con este proxecto, no que se van mover millóns de toneladas.

 

-Como foi a dinámica da rodaxe?

 

-Contactei con persoas daquela comarca, persoas que se dedicaban á agricultura, á gandeiría, ao turismo sustentábel para que eles explicasen o que pensan deste proxecto. Son persoas que apostan nesa comarca, que traballan, que están unidos e comprometidos con ela… e que consideran que o que vén enriba vai ser un desastre para todos. Quería que nos achegasen as súas reflexións, o que sinten.

 

-Como notaches o ambiente entre a veciñanza após tantas semanas de loita?

 

-É xente moi valente, persoas e familias que dedican tempo e esforzos a combater ese proxecto. Hai tamén xente que ou non quere saber ou mesmo cren que a mina é unha boa opción porque vai traer emprego, que son as promesas que sempre se fan e despois non se cumpren… Vin moita forza e moito ánimo. O que si os anima moito é a solidariedade que reciben de toda Galiza, non só da comarca senón tamén de zonas como a Ría de Arousa. Tamén dá ánimos o xornalismo alternativo que si que está a tratar o tema, a informar. A darlles voz porque os grandes medios non sempre o fan. A veciñanza cre firmemente que poden parar o proxecto mineiro.

 

-Cres que en Galiza hai espazo para, por chamalo dalgún xeito, o documentario comprometido?

 

-É moi necesario. Falta xente que se dedique a esa denuncia de urxencia. Creo que desde a profesión hai que comprometerse, denunciar o que está a acontecer, denunciar este tipo de proxectos, o seu impacto, mesmo a manipulación política. Hai mil historias por contar en Galiza e que se están obviando por falta de medios e de tempos.

 

-Por que ver ‘Touro, O Pino: A ameaza do cobre’?

 

-Cando foi o do Prestige, nas televisións dicían una cousa e se ti ías a pé do mar vías que as cousas non eran así, a realidade era outra. Con este documentario queremos mostrar esa realidade do que supón o proxecto mineiro para O Pino e Touro, como afecta as vidas da veciñanza, a economía, cal é o impacto. E non estamos perante algo puntual ou casual que só afecte a estes concellos, hai que falar da megaminería, que cada vez nos volve máis escravos.