A Asociación de Medios en Galego celebra a súa primeira gala

“Hai un fervedoiro de iniciativas despois de anos de prostración”

O presidente do consello de administración de Sermos, Xoán Costa (de pé, á esquerda) intervén na I Gala da Asociación de Medios en Galego.

Máis de 30 cabeceiras e emisoras conforman a Asociación de Medios en Galego. Este sábado celebraron a súa primeira gala, en que se puido percibir certo optimismo despois de, en palabras do seu presidente Henrique Sanfiz, “anos de certa prostración”.
 

“Hai un fervedorio de iniciativas”, engade Sanfiz, “que contrasta con tempos pasados. Pola falta de axudas da Administración e as dinámicas do mercado, que conduciron ao peche de varios medios, pasamos momentos difíciles. Agora hai un certo rexurdir”. Sanfiz menciona o Diario galego -promovido por Sermos Galiza- e adianta novas incorporacións á agrupación: as revistas de baloncesto Zona Tres e de fútbol O Dez.

 

“Para nós é fundamental a toma de conciencia colectiva da importancia da nosa cultura e da nosa lingua”, sinala, “e dentro dela, o papel chave dos medios de comunicación en galego”. A esta reivindicación dedicaron a gala deste sábado en Barallobre, Fene. O 3 de febreiro quedou instituído como Día dos Medios en Galego. A data conmemora o nacemento de O Tío Marcos da Portela, primeiro periódico en galego, fundado en 1876 en Ourense da man de Valentín Lamas Carvajal.

 

Na celebración interviron representantes de moitos dos medios asociados, entre eles Xoán Costa, presidente do consello de administración de Sermos Galiza. Costa anunciou aos presentes, que ateigaban o Local da Liga de Amigos de Barallobre, en Fene, a saída dun xornal diario en papel para 2019, O diario galego.

 

Ademais, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asegurou que se estaba “a facer historia” ao instaurar o Día dos Medios en Galego. Tamén falaron líderes das catro forzas políticas con escano no Parlamento de Galiza -César Fernández Gil polo PP, Antón Sánchez por En Marea, Xaquín Fernández Leiceaga polo PSdeG e Ana Pontón polo BNG- e membros das fundacións Rosalía de Castro e Otero Pedrayo e mais da Mesa pola Normalización Lingüística.

 

A contacontos Paula Carballeira e a cantautora Uxía Sanmartín puntuaron o programa, conducido por Antón Cortizas e Pitusa Arias.

 

A gala completouna unha ofrenda no monumento ao Camiñante Descoñecido, que un día de 1934 inaugurou Otero Pedrayo en Barallobre. O fito honra a cultura galega. Un banquete de confraternización deu cabo da xornada.