AURORA MARCO, ENSAíSTA

"Hai que deter a ollada nas mulleres alén das grandes figuras"

Aurora Marco [Imaxe AELG]

Conversamos coa autora de Elas (A Xanela Editora, 2016) ao fío da presentación da obra e da exposición que a acompaña localizada na sede de AFundación de ABanca, na Coruña. 

 

Aurora Marco publicou Elas, unha obra colectiva que combina literatura e artes plásticas. Un libro que recompila a biografía de máis de 400 mulleres desde o século IV até 1975 co que a súa autora quixo "recoñecer", "homenaxear" e tirar do silenzo a mulleres ben diferentes mais que partillan "o desexo por estaren presentes na sociedade".

Que podemos atopar en Elas?
Arredor de 410 mulleres que ao longo da historia deixaron pegada e contributos na sociedade da que fixeron parte. Comezo con Exeria, unha muller do século IV cuxo manuscrito, a modo de caderno de viaxes, foi descuberto no século XIX. Finalizou en 1975, foi a data límite que me marquei, porque marca un fito, pola morte do ditador, por se conmemorar o Ano das Mulleres, a emerxencia do movemento feminista... a partir dese momento a participación das mulleres aumentou notabelmente. A derradeira biografía é a dunha oleira de Gundivós. 

Que criterio empregaches para as seleccionar?
Neste volume son todas as que están mais non están todas as que son. Até hoxe, nos meus traballos anteriores como o Dicionario de mulleres galegas (A Nosa Terra, 2007) todas tiñan a ver coa miña profesión, estaban relacionadas coas letras ou a educación. Elas tivo un carácter globalizador e recolle para alén daquelas que foron consideradas como relevantes, embora estas tamén teren presenza, como Rosalía de Castro ou Concepción Arenal. Porén, recolle aqueloutras mulleres anónimas, ignoradas mais que fixeron moito. Os meus obxectivos son sempre tres: coñecer, recoñecer, facer xustiza e homenaxear; valorizar o propio, polo que son todas mulleres galegas;  e, alén das grandes figuras, deter a ollada en mulleres con grandes contributos noutros ámbitos. Isto foi algo que aprendín do meu profesor, mestre e amigo Ricardo Carvalho Calero. Estas mulleres foron abrindo un camiño polo que agora nós transitamos. 

"Estas mulleres foron abrindo un camiño polo que agora nós transitamos"

Recompilar información desas mulleres menos coñecidas supuxo un maior esforzo de pescuda, imaxino...
O volume de bibliografía multiplicouse. Consultei enciclopedias, historias locais, catálogos de exposicións... Todo canto libro caía nas miñas mans foi baleirado. Este é un traballo que comecei a finais dos '80. Durante este tempo fun publicando outros traballos mais nunca pechei ningunha semblanza, volvo unha e outra vez sobre ese material. Como dicía Xoana Torres: "é que nada se entenderá de todo se antes non se volve ao punto de partida". Tamén foron moi importantes as fontes orais, sobre todo cando se trataba de mulleres pertencentes a sectores da poboación que ficaron fóra do poder. 

Son perfís moi diferentes mais, existe algo en común entre todas elas?
Hai mulleres moi diferentes. As primeiras eran raíñas, nobres, fidalgas que tiveron certo acceso ao poder, mentres que as traballadoras nunca fixeron parte da bibliogradía embora deixaren pegada no seu radio de acción. Coido que o seu afán por estaren presentas na sociedade, malia as barreiras de chumbo que tiñan que superar, é un denominador común. Esa arela, ese desexo. Hai mulleres moi concienciadas, feministas, outras que non, mais todas partillan o desexo de estaren presentes, embora a historia as invisibilizou, o discurso oficial, o ensino... Fica un importante labor por facer para encher a historia do feminino. Nos últimos anos hai moitos traballos, neste senso imos reforestando eses bosques esquilmados. 

 

 

A obra combina a literatura coas artes plásticas, como xorde a idea de combinar ambas as dúas disciplinas?
Isto foi magnífico. Ese binomio sempre me engaiolou. Nas miñas aulas utilizaba moito a plástica. Foi idea do editor [José Manuel Calviño] mais cando vin os 38 cadros que compoñen o libro --e as 16 serigrafías que o acompañan no estoxo-- emocioneime moito. Sen termos falado antes [ela e as autoras das obras] as correlacións entre os textos e a plástica é incríbel. Captaron o espírito que eu quería dar das mulleres a comezar por visibilizalas. Isto reflíctese nos títulos. Algúns están inspirados nelas como 'Amada García', unha muller asasinada en 1938 uns meses despois de parir. Porén, outros falan das peixeiras, das costureiras como 'Rachando reixas', 'Marxinación' ou 'O abandono'. 

Após rematar Elas, que outros traballos tes en mente?
Estou volvendo sempre atrás e agora ando a traballar, só me resta porme a escribir. Dunha banda, un libro colectivo que preparo con dúas compañeiras sobre unha muller moi interesante, aristócrata, foi marquesa, mais deixou todo, pasou ao socialismo e morreu na miseria. Chamábase María Vinyals. Outro libro, que fago eu soa, xira arredor de Joaquina Dorado Pita, unha anarquista que este mes de xuño cumpre 99 anos.