Gráficos

Canto aumentaron as temperaturas na Galiza nos últimos 50 anos?

A temperatura media ascendeu en Ourense nestes cincuenta anos dos 14 ºC aos case dezaoito graos no presente.
Así evolucionaron as temperaturas medias e máximas nos principais núcleos de poboación galegos.

Dentro da península Ibérica, Galiza é un dos territorios cun dos climas máis característicos. As chuvias anuais e as temperaturas máis ben baixas son típicas no país, que contrastan co sur peninsular. Mais este clima característico está en perigo co aumento das temperaturas, ás que Galiza non é alleo. Por norma xeral o mar suaviza as temperaturas, co cal as poboacións do litoral parten con certa vantaxe respecto as do interior neste fenómeno climático.

Os datos de European Climate Assesment & Dataset, permiten coñecer como dende o ano 1970 até a actualidade evolucionaron as temperaturas, tanto máximas coma medias, nas principais cidades galegas.

A Coruña

A temperatura media, dende o ano 1970 aumentou na Coruña máis de 2 ºC estando na actualidade por riba dos dezaseis. En canto a temperatura máxima rexistrada, a tendencia é dun aumento no período rexistrado. O récord de temperatura máximo foi o trece de setembro do pasado 2020, cando se rexistraron 35,4 ºC.

Lugo

A temperatura media ten unha tendencia á alza, pese ao aumento, superaría por pouco os 14 ºC, moi por debaixo da media coruñesa. A temperatura máxima tamén tende a subir, e manterse por riba dos 35 ºC. A temperatura máxima rexistrada sucedeu nos días vinte e vinte un de xullo do ano 1990, cunha temperatura de 41,2 ºC.

Ourense

A temperatura media ascendeu en Ourense nestes cincuenta anos dos 14 ºC aos case dezaoito graos no presente. As temperaturas máximas rexistradas, que son as maiores da Galiza, encádranse dende principios do presente século cunha tendencia superior aos 40 ºC. O máximo que alcanzou a cidade foi o 14 de xullo do pasado 2022, cando se rexistraron 44,1 ºC.

Pontevedra

Pontevedra é a cidade galega onde menos se acusou o aumento da temperatura media, manténdose entre os catorce e os dezaseis graos centígrados. As temperaturas máximas tenden a ser pouco superiores aos 35 ºC, e a máxima temperatura rexistrada foi o 14 de xuño do ano 1981 con 40 ºC.

Santiago de Compostela

Santiago de Compostela é a cidade coa temperatura media máis baixa de toda Galiza, atopándose por debaixo dos 14ºC, pese a isto, subiu dous grados nestes máis de cincuenta anos. Así pois, pese á súa baixa temperatura media, sería unha das cidades en que máis aumentou a temperatura. En canto ás máximas, tenden a ascender dos 35 ºC dende comezos do século XXI. O seu récord de temperatura máxima é de 39,4 ºC o día 20 de xullo do 1990.

Vigo

A temperatura media en Vigo aumentou dende os doce até os máis de catorce graos centígrados actuais. Nas máximas, tamén conta cunha tendencia a alza, superando os 35 ºC dende o ano 2000. O récord de temperatura máxima aconteceu o sete de agosto do ano 2016, rexistrando 40,8 ºC.