Hai un 57% menos de hospitalizacións que nos peores momentos da pandemia

Un traslado dunha paciente con Covid-19 ao Hospital de Lugo (Imaxe: Europa Press).

A porcentaxe de persoas positivas en Covid-19 na Galiza que se atopan nos seus domicilios é do 94,3%, un 4,9 atópase en unidades de hospitalización convencional e un 0,8% en camas de Unidades de Coidados Intensivos.

Na rolda de prensa que decorreu na mañá da sexta feira e na que a Consellaría de Sanidade informou das novas medidas de restricións que se adoptan desde as 15 horas de hoxe e mais da incidencia nos lugares que máis preocupan ao Sergas, informouse da presión asistencial que padece a sanidade galega.

Xosé Flores, xerente do Sergas, informou de que a maior parte da xente infectada atópase a día de hoxe no seu domicilio. Trátase dunha porcentaxe do 94,3%. O 4,9% atópase hospitalizada en unidades convencionais e o 0,8% tiveron que ser ingresados en unidades UCI.

A respecto do peor momento da pandemia, Flores informou de que a hospitalización en camas convencionais é un 56,98% menor. Tamén é menor a de camas UCI, un 61,24%.

O xerente do Sergas afirmou que a capacidade asistencial “está garantida” mais sinalou que “isto non deixa de ser motivo de preocupación polo aumento de hospitalizados”.

Cualificou de “altos” os niveis de presión na Atención Primaria, que alén da asistencia controla os casos positivos e, en ocasións, os dos seus contactos.

E situou entre 3.500 e 3.700 ao día as chamadas ao 061, cifras que se manteñen nas últimas semanas. As chamadas motivadas pola Covid-19 comprenden o 12%.

Informou de que nos últimos dous días diminuíu un 5% o número de pacientes que asiste ás Urxencias, mais afirmou que aumentan (non apuntou a cifra) quen accede á hospitalización debido á Covid-19.

O Sergas pon atención, pola presión asistencial, no hospital de Ourense. Tamén preocupa, dixo Flores, Ferrol.

Os últimos datos a respecto das hospitalizacións, que foron actualizados na mañá de hoxe por Sanidade, indican que as persoas ingresadas descendeu en cinco, até se situar en 476.

Ascenden os pacientes ingresados en camas UCI, que continúan en ascenso. Son xa 69.