“Hai 130 pacientes e 37 á espera dunha cama”: denuncian novo colapso nas Urxencias do Chuac

Chuac (Foto: Europa Press)

A Comisión de Atención Hospitalaria afirma que a situación é “insostíbel”, con pacientes “amoreados en até 3 corredores”

A Comisión de Atención Hospitalaria denuncia un “novo colapso” no servizo de Urxencias do Hospital da Coruña (Chuac): “A situación do servizo, de novo, volve a ser insostíbel con pacientes amoreados en até 3 “corredores, levando incluso mais de 24 horas”.

Afirman, ademais, que o servizo de urxencias estaba “superado”, tendo que habilitar un “corredor” fóra do servizo, unha vía de saída á rúa, onde é unha zona de tránsito de pacientes e acompañantes das consultas.

A atención nos “corredores”, denuncian, é “deplorábel”, non se pode garantir a seguridade e intimidade dos pacientes, non están habilitados para atender as necesidades básicas destes (non dispoñen nin de baños, mobiliario axeitado, etc).

Indican que o persoal xa non pode soportar mais estas condicións de traballo

Actualmente, afirman, “hai 130 pacientes no servizo de urxencias e 37 á espera dunha cama nunha unidade de hospitalización, sendo bastante improbable que os pacientes non poidan dispoñer até a tarde dela; moitos deles levan toda a fin de semana no “corredor” nesta situación”.

Indican que o persoal xa non pode soportar mais estas condicións de traballo, en moitas ocasións “con persoal insuficiente o que provoca un esforzo adicional na situación que xa se está vivindo”.

A Comisión de Centro sinala que leva anos denunciando perante a Xerencia a situación ”insostíbel” do servizo de urxencias do Chuac, “e non só non se fixo nada para abordala senón que se empeorou”.